
Redondela | Este 1.º de outubro, o BNG de Redondela organizou un acto público aberto a toda a veciñanza de memoria histórica pola efeméride do 90.º aniversario do inicio do campo de concentración franquista na illa de San Simón.
O acto celebrouse ás 19:00 na altura do monumento ás vítimas da represión fascista na praia da Punta de Cesantes. No acto intervirán Iria Custodio Fabre, membro da Executiva Comarcal do BNG; María Ortega Iñarrea, concelleira de Memoria Histórica do Concello de Moaña e deputada de Memoria Histórica na Deputación de Pontevedra (2019-2023); e Xoán Carlos González Campo, Voceiro Municipal. Ademais, contarase cunha actuación de música tradicional.
“Reivindicarmos as vítimas do franquismo en San Simón e o papel heroico das madriñas é imprescindíbel nestes tempos de rearme dos discursos de odio da extrema dereita”, afirma Xoán Carlos González, voceiro municipal do BNG. “Nestes tempos de reacción españolista e discursos de desmemoria, desde o BNG organizamos un acto de memoria e xustiza por todas as persoas que sufriron a barbarie do fascismo, polas madriñas que mantiveron a esperanza e polas familias das vítimas que hoxe seguen loitando polos seus dereitos”, afirma o voceiro municipal.
A organización nacionalista continúa o seu traballo local e nacional de concienciación sobre a etapa de terror franquista que viviu a illa, exemplo disto son as numerosas propostas que o grupo municipal leva ao pleno de Redondela. “Levamos dous mandatos instando á alcaldesa Digna Rivas para que inicie os trámites necesarios para elaborar o Plan de Usos da Illa de San Simón e Santo Antón, tal e como lle exixe a Lei 5/2016 do 4 de maio que regula o patrimonio cultural da Galiza”, relata Xoán Carlos.
“É alarmante que a creación da Concellaría de Memoria Democrática, responsabilidade da propia alcaldesa, non estea acompañada de programación nin contidos”, remata o voceiro nacionalista, “isto deixa de manifesto que o traballo de memoria e xustiza só chegará cun goberno municipal forte liderado polo BNG”.




