20 Anos de Donicelas


Salceda de Caselas | O grupo folk Donicelas de Salceda de Caselas celebra 20 anos de andadura. O acto de aniversario vai ser o vindeiro sábado 15 de setembro a partir das 21:30 no Parque Raíña Aragonta, e no concerto o grupo contará con convidados de honra como Treixadura, Tino Baz ou a gaiteira Raquel Domínguez. Espérase que sexa un acto multitudinario no que o grupo faga un repaso polos seus 20 anos de andadura.
O lugar elexido, o parque Raíña Aragonta, non foi elexido ao azar. Xusto enfronte do parque está o CEP Altamira, colexio considerado o berce de Donicelas, pois nel naceu o grupo como unha simple actividade escolar que se consolidou unha vez que as compoñentes remataron os seus estudos de primaria.
Nestes 20 anos Donicelas ten percorrido toda a xeografía galega, e parte da portuguesa, así como as terras de Vilafranca do Bierzo. No 2005 publican o seu disco “Que nunca foi abalada” que logrou unha moi boa acollida por parte do público.
Actualmente o grupo está composto por oito persoas que se reparten os roles entre voces, percusións, gaita e acordeón, con un repertorio tradicional e variado que fai dos seus uns concertos entrañables e que están a recoller moi boa crítica. Na formación actual mantéñense catro das membras fundadoras do grupo (Tere Pérez, Noelia Martínez, Bea Pérez e Isa Troncoso). O grupo foi creando canteira, e esa canteira foi incorporándose ó grupo (Andrea Rodríguez e Rosa González), e por último chegaron os músicos que completan a formación, Jose Sanromán e Martín González, na gaita e acordeón respectivamente.