1.200 novos contedores en Mos

O goberno municipal segue a fomentar a reciclaxe entre a veciñanza

Mos | A concelleira de Atención Veciñal, Medio Ambiente, Mantemento de Zonas Urbanas, Parques e Xardíns, Laura Méndez, reuniuse coa enxeñeira municipal, Raquel González, e coa empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, FCC, para tratar sobre a inminente renovación de contedores que suporá un incremento do 23,9% da capacidade de recollida e a incorporación de 60 contenedores dunha nova fracción, a orgánica de biorresiduos (contedor marrón), inexistente ata o de agora en Mos.

En total FCC instalará 1.208 novos contedores en todo Mos, distribuídos do seguinte xeito por fracción: fracción resto 637 contedores verdes, envases (plástico, latas e briks) 276 amarelos, papel e cartón 105 azuis, vidro 100, orgánica 60 marróns, roupa e calzado 15 e aceite doméstico outros 15.

Os novos contedores para a recollida orgánica de biorresiduos (contedor marrón), serán de carga traseira e de 360 litros /ud.

Méndez Senlle destacou a importancia da reciclaxe nos fogares mosenses, pois “a reciclaxe de envases aforra materias primas, enerxía, evita as emisións de CO2 á atmosfera e o aumento de residuos que van á entulleira, o que constitúe un elemento esencial de minimización dos efectos do cambio climático. Cada vez que un cidadán recicla tres botellas de vidro, reduce nun quilo o lixo que vai á entulleira e aforra suficiente enerxía como para poñer tres lavadoras ou lavar tres veces toda a roupa dunha familia de catro membros.

De ahí a importancia da sensibilización, concienciación e educación ambiental, xa que a reciclaxe está en mans e depende de todos e todas os/as cidadáns”. “Para elo”, continuou a edil, “durante a presente lexislatura promoveremos iniciativas para conseguir un aumento na taxa de reciclaxe a través da recollida selectiva de envases e papel cartón mediante campañas de comunicación e formación co fin de facilitar a recollida selectiva e reciclado”.

“Cada vez estase a reciclar máis en Mos e esa é unha moi boa nova para este municipio que ademais está adherido ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía e moi sensibilizado coas políticas medioambientais” declarou a concelleira, quen incidiu na importancia de facer a selección dos distintos residuos xerados nas vivendas, que os máis pequenos tomen conciencia dos residuos que se xeran en cada fogar a diario, e de concienciar sobre a relevancia de manter limpos os espazos”. Así mesmo a edil de Medio Ambiente e Mantemento de Zonas Urbanas, Laura Méndez, informou de que se habilita no departamento municipal que dirixe un novo número de teléfono de contacto para solicitar a recollida de entullos a domicilio que é o 672729860.