• Segue conectado
  • |

Xulio Ferreiro, investido novo alcalde da Coruña

xulio_ferreiro

A CORUÑA | Xulio Ferreiro foi investido este sábado, 13 de xuño, alcalde da Coruña tras obter 17 votos a favor dos membros da nova corporación municipal (os 10 da Marea Atlántica; os 6 do PSOE e 1 do BNG) nunha sesión plenaria que foi seguida por centos de persoas dentro do propio Pazo de María Pita; e milleiros na Praza ou seguindo a retransmisión por internet.

Segundo avanzou Ferreiro no seu discurso, encabezará un goberno para todos os coruñeses e coruñesas: “A xente da Coruña, hoxe, volver ser protagonista da súa propia vida. Comeza un tempo novo na nosa cidade. A Coruña deixa de ser un couto privado e o seu Concello pasa a converterse nunha ferramenta ao servizo do benestar de máis de 250.000 persoas. Deixamos de ser o patio traseiro dos señores da desigualdade para poñernos á cabeza da primavera democrática que atravesa Europa. Estamos, de novo, como tantas outras veces na nosa historia, na vangarda do cambio”.

“Neste tempo novo debemos gobernarnos xuntas. Non se pode concibir xa a xestión dos bens comúns sen a participación de todos e de todas”, proclamou o novo alcalde no salón de plenos de María Pita, un pazo que, lembrou, volverá ser a casa da xente. No discurso, tamén adiantou os compromisos do novo goberno, como é responder ás necesidades da xente, “garantindo, para todas as coruñesas e todos os coruñeses as condicións básicas dunha vida digna”.

Ferreiro tamén citou e lembrou a varias figuras importantes da cidade, entre elas o alcalde Suárez Ferrín, asasinado en 1936, e o alcalde Domingos Merino, así como aos escritores Curros Enríquez, Manuel Rivas e Luisa Villalta. No treito final da súa intervención, o novo alcalde afirmou o seu desexo de que “oxalá dentro de catro anos a praza berre orgullosa que si, que si a representamos. Está nas nosas mans”. “Hoxe a praza entra no pazo e o pazo sae á praza”, engadiu.

Na sesión plenaria que precedeu á votación, as integrantes da Marea prometeron o seu cargo e comprometéronse a poñer “o Concello ao servizo das coruñesas e os coruñeses, cumprindo o programa e o código ético da Marea Atlántica e os principios de transparencia e participación cidadá”. Ao término do acto institucional, Xulio Ferreiro e os concelleiros e concelleiras que formarán o novo goberno local saíron á praza de María Pita, onde lles esperaba unha multitude. O novo alcalde, simbólicamente, ofreceu o bastón de mando á cidadanía, e tamén cedeu o micrófono a varias xentes do común, que expresaron os seus desexos para este novo tempo.

Pola tarde, o equipo que formará o novo goberno local, celebrou a súa primeira reunión de traballo nas dependencias municipais do pazo de María Pita.

Publicado o 13 Xuñ 2015 en A Coruña, Política, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies