Sonia Méndez estrea este mércores a road movie feminista Antes de perder

Santiago de Compostela | A cineasta e actriz galega Sonia Méndez estrea este xoves, na véspera do 8 de marzo, a road movie de corte feminista Antes de perder na plataforma dixital Playz. As produtoras, RTVE e Cósmica Producións, celebrarán a estrea cunha festa o mesmo xoves 7 ás 20h30 na Sala Capitol (Concepción Arenal, 5. Compostela) á que asistirá parte do elenco, composto polas coñecidas actrices españolas Esther Acebo (A Casa de Papel, Baraka) e Mariam Hernández (Cuestión de Sexo, Amar es para Siempre) e mais por un nutrido grupo de actores e actrices galegas, como Xúlio Abonjo, Manuel Manquiña, David Amor, Xose Touriñán, Marcos Pereiro, Xose Barato, Alberto Rolán, Federico Pérez, Patricia Vázquez, Carolina Igrexas (Percebes y Grelos) ou as señoras da canle Teño unha Horta en San Sadurniño.

Antes de perder é a historia de Jana e Diana, dúas mulleres de trinta e tantos que son tan diferentes en todo que en condicións normais quizá nin cruzasen un par de palabras. Pero agora mesmo teñen algo en común: as súas vidas están en punto morto e só necesitan unha faísca para empezar a vivilas con intensidade… ou para acabar apodrecendo no cárcere. Xuntas lanzaranse á estrada nunha fuxida sen retorno, forxarán unha amizade a lume e asfalto e compartirán unha historia que non deixa de ser unha emocionante e divertida reivindicación da sororidade.

Ademais da serie desenvolverase un universo transmedia propio: acompañará a súa emisión cunha miniserie de sete pílulas protagonizada polas personaxes de Xose Touriñan e Marcos Pereiro (Pequenas Doses) e coa retransmisión vía Instagram da visión da historia dunha das súas protagonistas.

Acompañan a Sonia Méndez a produtora Nati Juncal e a directora de fotografía Lucía Catoira, entre outras, nun equipo composto na súa maioría por mulleres.