• Segue conectado
  • |

Santiago celebrará a festa do Banquete de Conxo cun amplo programa de actividades

Martiño Noriega presentou as actividades que preparou o Concello para a conmemoración da festa do Banquete de Conxo. O rexedor deu conta deste programa coincidindo co 162 aniversario "dun dos grandes fitos da nosa historia contemporánea".

Santiago de Compostela | A festa do Banquete celebrarase a fin de semana do 21 e 22 de abril na mítica carballeira de Conxo, ás beiras do Sar, “un espazo recuperado ambientalmente e que poderá ser usado pola cidadanía a partir do 16 de marzo”, unha vez finalice o obradoiro de emprego Ecotur III que se encarga da súa rehabilitación. Tal e como sinalou o alcalde, con esta celebración “temos unha oportunidade para reivindicar a historia do barrio de Conxo, mais tamén para reivindicar valores como a liberdade de expresión, a igualdade ou a diversidade cultural”.

Traballo transversal

Aínda que o evento central será en abril, o Concello ten preparadas actividades previas que transcorrerán durante o mes de marzo. O alcalde puxo o foco na transversalidade da proposta, que engloba a áreas municipais como Acción Cultural, Emprego, Comercio, Educación ou Centros Socioculturais.

Durante toda a fin de semana haberá un Mercado do Libro e da Artesanía, con postos de libreiros e libreiras do barrio, así como de artesáns e artesás. Inclúe presentacións de libros, mostras do proceso de traballo artesanal e actividades lúdicas para as crianzas. A programación do sábado centrarase no aspecto máis reivindicativo, mentres que a do domingo xirará en torno á recreación histórica e a propia festa do banquete.

Ampla programación

A celebración dará comezo o sábado a partir das 12 da mañá cunha visita guiada ao Banquete de Conxo da man do xornalista Henrique Alvarellos. Posteriormente haberá unha mesa redonda sobre a importancia do Banquete e os desafíos que ten por diante o barrio de Conxo. Xa ás 18:30 horas darán comezo as actividades infantís cunha representación de monicreques, unha chocolatada e unha dinámica infantil titulada O Conxo que queremos, na que os nenos e as nenas expresarán as súas ilusións e soños para o barrio. Tamén ás 18:30 h actuará a coral do Hospital Psiquiátrico de Conxo acompañada da Coral Solfa, rematando con Conxo, festa da poesía, un evento lúdico que incluirá rap, poesía, regueifa e música.

O domingo retómase a festa ás 11:30 horas cun desfile teatralizado de estudantes e artesáns dende o casco histórico ata o campo de Conxo, onde haberá un concerto da Banda Municipal interpretando pezas de mediados do século XIX. A continuación, a estrea dunha obra teatral na que se escenifica o Banquete de Conxo orixinal e un xantar popular con brindes da veciñanza e poetas. A sobremesa estará amenizada polo Serán da fraternidade, unha foliada de música tradicional. O domingo haberá unha nova oportunidade de coñecer a zona cunha nova visita guiada con Henrique Alvarellos, a partir das 18:30 h.

Fito histórico

Martiño Noriega repasou a historia do Banquete de Conxo, un evento “simbólico e significativo para Santiago e para Galicia dende o punto de vista literario e político”. O 2 de marzo de 1856, un grupo de estudantes universitarios, entre os que se atopaban Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre, Luis Rodríguez Seoane e Manuel Murguía (mesmo se pensa que tamén estivo Rosalía de Castro) convidaron a obreiros e artesáns a un xantar baixo a carballeira de Conxo. Alí houbo proclamas progresistas e demócratas que non gustaron ao poder dominante da época e que foron consideradas subversivas. Ademais, algúns dos seus impulsores foron despois referentes do rexurdimento das letras galegas.

Publicado o 8 Mar 2018 en Axenda, Portada, Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies