Salceda presenta a primeira RPT da historia do Concello

 

Salceda de Caselas | O Equipo de Goberno do Concello de Salceda ten xa rematada a proposta de Relación de Postos de Traballo (RPT) que proximamente será presentada tanto aos representantes sindicais como aos restantes grupos políticos da corporación. O documento, que será o primeiro existente na historia do Concello de Salceda, permitirá a regularización dos diferentes postos existentes no Concello, así como a creación de novas prazas precisas para o correcto funcionamento da administración local. A RPT elimina as desigualdades existentes ata o de agora entre persoas que, desempeñando as mesmas funcións, tiñan condicións salariais moi diferentes, outorgadas a cada un deles durante os anos de Goberno do PP e herdadas polo Goberno actual. Grazas ó documento pasarán a unificar a súa situación, igualando os salarios entre persoal funcionario e laboral que desempeñe as mesmas funcións. Así mesmo, o documento servirá para recoñecer situacións especiais como a turnicidade, a xornada partida ou a penosidade.

A RPT é un documento técnico, obrigatorio por lei, que permite a ordenación do persoal dacordo coas necesidades dos servizos prestados dende o Concello, establecendo un organigrama ideal para o funcionamento do Concello.

Da prantilla actual, o 88% da mesma vería mellorada a súa situación salarial actual, mentres que o 12% restante manterían as súas condicións, máis favorables neste momento, non prevéndose a eliminación de ningunha das prazas ocupadas neste momento.

Jose Luis González, Concelleiro de Facenda: “A RPT vai supoñer un importante esforzo económico para as arcas municipais. A RPT é a única maneira de eliminar as desigualdades existentes ata o de agora e de garantir que todos e cada un dos empregados municipais teñan as condicións que lle corresponden segundo o seu traballo”.

 

A RPT é a ferramenta que permite cubrir as prazas vacantes, a través dunha oferta de emprego público que se podería realizar unha vez entrase en vigor o documento. Servirá ademais para convocar prazas obrigatorias por lei, como son a dun tesoureiro habilitado nacional e a de un oficial de policía, e para recoñecer postos de encargado/a ou coordinador/a de diferentes áreas, inexistentes ata o de agora. Contémplase tamén a creación dun posto de Técnico/a de Administración Xeral para dar apoio a Secretaría e Intervención, mellorando os prazos na tramitación de expedientes fundamentais para o Concello. A RPT é ademáis unha ferramenta básica para mellorar a eficacia, a eficiencia e a productividade da plantilla municipal.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguimos a regularizar e ordenar esta casa, e a RPT é unha ferramenta fundamental para poder facelo. Tódolos traballadores/as son iguais para este Goberno, e non podemos permitir que sigan existindo este tipo de desigualdades sen ningún tipo de xustificación entre eles”.

Así pois, estamos ante un documento fundamental para o Concello de Salceda que mellorará as condicións laborais e salariais, ofrecéndolles aos traballadores/as unhas garantías e unhas condicións das cales carecían ata o de agora.