Ponteareas acenderá o alumeado de nadal de xeito progresivo

Ponteareas | A concellería de Comercio, Hostalería e Turismo, que dirixe Inés Vidal agradece á cidadanía a súa colaboración e comprensión polo traslado de data do acendido das luces de nadal que nestes intres xa se están a instalar. Inés Vidal explica que ao quedar deserto o primeiro concurso, que foi de maior cuantía que en anos anteriores, obrigou a realizar unha nova licitación xa que ao contar con 30.000€ de orzamento tratábase dunha obra maior que non podía ser adxudicada directamente.
A empresa adxudicataria indicou que podería ter a parte central o día 8 pero por diferentes imprevistos non puido cumprir ese prazo.
“Entendemos o malestar do comercio pero a nosa intención é a de mellorar ano tras ano por iso este ano dedicamos máis recursos para incidir nun maior apoio”.
Vidal explica que “comparte cos comerciantes a súa preocupacion pero que o Partido Popular non está lexitimado para criticar porque durante os seus anos de goberno non realizou ningún esforzo extraordinario nin en prazos nin en inversión e apoio ao comercio”.
A concelleira adianta que a medida que o alumeado de nadal vaia estando colocado irase acendendo e agarda que o resultado final sexa do agrado de todos e que o balance final destas datas para o comercio e a hostalería sexa máis positivo ca nunca.
“Aínda queda todo o nadal por diante e agardamos que o noso esforzo por apostar máis ca nunca se reflexe nun balance final máis satifactorio”.
A pesar deste contratempo a programación específica para o nadal segue o seu curso. Animación de rúas, a pista de patinaxe de balde para os e as clientes do comercio local e actividades de lecer para toda a familia arrancaron xa a pasada semana co espectáculo circense de Troula que congregou a un grande número de público percorrendo as rúas do centro urbano.
Para facilitar que os adultos fagan as súa compras de nadal e poder gardar a sorpresa dos agasallos para os máis cativos e cativas, a concellería de Ensino en colaboración coa concelleria de Cultura ofrece Divernadal, unha proposta lúdico didáctica baixo a carpa da Praza Maior en horario de 07:00 a 20:00 horas os días 14, 15, 21, 28 e 29, días no que o comercio local estará aberto.