• Segue conectado
  • |

Hoxe vou entrar no meu cesto de cereixas.

Teño na miña alacena un cesto de cereixas que vai botar por fóra.

Nos últimos tempos as “perlas” que nos ofrecen os nosos gobernantes son tan abundantes que ou vou baleirando ou teño que ampliar a alacena.
Ultimamente todos os que temos a manía de ler xornais e libros, atopabámonos con problemas para saber se nos estaban informando ou se pretendían narcotizarnos. Aos medios de comunicación habituais xa non lles importa se informan ou desinforman. Todo vale. Cada quen varre para súa casa. O lector é o de menos.

Nos últimos meses cheguei a un grao de rexeitamento que xa leo soamente os titulares, igual que fai a maioría da xente que non perde o tempo na letra pequena. Comparar os titulares de dous ou tres xornais o mesmo día e comprobar e constatar quen lles paga. É tan descarado que dan ganas de vomitar.

Logo din que a xente non le prensa, que xa non vai aos quioscos mercar xornais. Obviamente. E non é porque poida lelos en internet, que tamén, senon que chegamos todos á conclusión de que o que publican os xornais, chamados de esquerda (que xa hai que botarlle valor para tal cualificación) e o que publican os clásicos da dereita, parécese un montón. Agás algunhas veces que te podes atopar cun comentarista ou dous que merece a pena lelos; non porque che vaia contar nada novo, senón que, polo menos non te enganan tan descaradamente.

Claro que agora podemos ir á rede e ler certos xornais, poucos, que están facendo un xornalismo de guerra. Grazas a eles puidemos saber dos famosos másters, das miserias reais, de como se reparten os nosos cartos. Non sei canto tempo imos dispor destas fontes de información. Se non nos implicamos nós, apoiando a súa loita para informarnos con honestidade, pouco tempo van durar. Animo aos lectores a pagar esa pequena cota anual que precisan e que nos piden constantemente. Eu sei de primeira man que se non o facemos en pouco tempo terán que sucumbir diante do Poder; dese poder invisible que está en todos lados e todo o cobre.

Os grandes medios de comunicación déronse conta, non só en España senón en todo o planeta, que teñen que cambiar o chip ou desaparecen. De feito nos últimos anos levan desaparecido centos de xornais que ata poucos anos atrás eran considerados como a biblia da información. No Estadio Español xa non temos referentes que seguir. Aqueles que na chamada Transición apareceron como o ungüento de Fierabras hoxe traballan pro domo sua, que dirían os clásicos. Quen te viu e quen te ve, podemos dicirlles a moitos deles, Por máis que pretendan facernos crer que seguen sendo os de antes xa ninguén os cre. A mestura de intereses políticos que foron e xa non son; a implicación en operacións políticas de calado tentando cambiar o curso do Amazonas deixouno, como vulgarmente se di, co cu ao ar.

Que dicir das canles de televisión? Aquí podes dicir tres cuartos do mesmo. Nos últimos tempos asistimos a unha encarnizada loita da dereita por manter o control da TVE e da Radio Nacional. Eran dous medios de comunicación cunha grande audiencia que lles sacaba as castañas do lume. Os propios traballadores dos medios tiveron que sublevarse porque xa non aguantaban máis o control politico ao que se vían sometidos. O novo goberno vén de cambiar algo a situación; veremos en que queda todo finalmente, porque a partida aínda non rematou.

En próximas entregas falaremos de como quedan todas esas cousas pendentes de másters, de plaxios, de vendas de armas intelixentes que non manta, só asustan, ao parecer. Ata ese momento aconsello que lean as viñetas de humor dos xornais con atención; son as mellores fontes de información que temos. Por algo están tratando de meter no cárcere a un rapero que din non respecta as sacrosantas normas de boa conduta. Queren poñerlle portas ao mar, pero o mar, non só polo cambio climáttico, senón porque é imparable demostrará que xa non hai quen o deteña. A intelixencia, a capacidade de resistencia de certos sectores intelectuais deste País sairán airosos desta guerra desigual do Poder contra a intelixencia, contra a verdade, contra a vontade de facernos oír, de non deixar que nos calen.

Vdes. berren, protesten contra todo tipo de abusos; sexan vdes. mesmos, non permitan que lles marquen o paso; xa se acabou o tempo da mili obrigatoria; agora podemos e debemos ser nós memos quen decidamos a que paso andamos ou corremos. Só así poderemos demostrar que xa non poden calarnos; que xa non nos representan, alomenos desta maneira. Que estamos dispostos a loitar por coñecer a verdade do que nos rodea; de sacarnos de enriba tanta mentira, tanta inmundicia, tanta falsidade.

A verdade vos fará ceibes, dinnos a modo de slogan. Collámolo como unha verdade revelada. Efectivamente, só a verdade pode satisfacer as nosas ansias de liberdade.

Sexan felices se poden.


Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»
Publicado o 18 Set 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies