Escolares do CEIP de Barrantes (Tomiño) e persoas maiores afondan na xestión das súas emocións

O encontro forma parte dun programa de educación levado a cabo conxuntamente entre o colexio e a Universidade de Barcelona

Tomiño | O grupo de 3º de primaria do CEIP de Barrantes (Tomiño) celebrou hai uns días a última sesión do programa de educación emocional levado a cabo conxuntamente entre o colexio e o departamento de Postgrado de Educación Emocional e Benestar da Universidade de Barcelona (UB).

Para esta xornada, contaron cunhas compañeiras e compañeiros moi especiais: os maiores de Residencial Tomiño, que acudiron á aula para afondar no recoñecemento e manexo das súas emocións, contribuíndo deste xeito a unha maior visibilidade e inclusión do colectivo das persoas maiores da localidade.

A actividade forma parte do traballo de postgrao de Susana Vales Cancela, orientadora do colexio de Barrantes, e está dirixido polo profesor Rafael Bisquerra Alzina. “Trátase dun proxecto de educación emocional baseado na aprendizaxe-servizo, é dicir, que a súa finalidade é tamén axudar á comunidade, neste caso á localidade de Tomiño na que o levei a cabo, e máis en concreto, á visibilidade e participación activa da terceira idade”, explica a investigadora.