• Segue conectado
  • |

Balance dos primeiros seis meses de goberno de Xulio Ferreiro

Xulio Ferreiro: "Estamos satisfeitos co nivel de cumprimento dos nosos compromisos nestes seis meses e cremos que a cidadanía tamén ten unha percepción positiva"

Xulio Ferreiro: “Estamos satisfeitos co nivel de cumprimento dos nosos compromisos nestes seis meses e cremos que a cidadanía tamén ten unha percepción positiva”

A CORUÑA |O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, atendeu esta mañá as preguntas dos medios de comunicación tras manter un almorzo de nadal cos e coas xornalistas que habitualmente cobren información municipal. O rexedor fixo balance dos primeiros seis meses de goberno manifestando que o Executivo local está “satisfeito co grao de cumprimento das medidas comprometidas no programa electoral”. Ademais, o primeiro edil coruñés indicou que “ademais cremos que a cidadanía tamén ten unha percepción positiva”, xesto que agradeceu a todos os veciños e veciñas da cidade. “O principal obxectivo no 2016 é traballar para que a xente estea contenta”, resumiu.

O representante local foi preguntado acerca do novo paso que o Goberno local dará en 2016 no que se refire a transparencia coa acción de rendición de contas mensual ante a cidadanía que se levará a cabo mediante encontros nos centros cívicos da cidade. “A idea é que un sábado ao mes, distintos representantes do equipo de Goberno vaian a un destes centros municipais, nos que se convocará á xente para que, quen queira, poida facer as preguntas que desexe. Cremos que é un escenario máis distendido que o do Pleno”, comentou. “Todos e todas as concelleiras irán véndose coa xente de forma mensual nestes encontros”, indicou Ferreiro, que adiantou que tamén estará presente nos mesmos.

“O alcalde da Coruña destaca, tras un almorzo coa prensa local no que fixo balance do ano, que o novo proceso de rendición de contas que porá en marcha o Goberno servirá para que os e as veciñas poidan preguntar aos e ás concelleiras e a min mesmo o que desexen un sábado de cada mes, nun escenario ameno, como os centros cívicos”

Con respecto aos proxectos que o Goberno local ten preparados para o Parque do Ofimático, o mandatario local recordou que este espazo conta “cun problema de inicio –a súa marxe dereita dende a Avenida da Vedra até o núcleo de Elviña– no que este Goberno está a traballar para poder darlle unha solución a esa zona, buscando a desafectación”. “Pero, ao tempo, temos un desenvolvemento urbanístico que debemos potenciar: hai edificios que xa están en construcción e nos que hai que asegurar que cando estean rematados teñan licencia de plena ocupación, algo que xa estamos a abordar tanto cos cooperativistas como coa empresa concesionaria das obras”, dixo. “Ao Concello, como propietario de solo público, interésalle impulsar eses terreos para, como adiantamos onte, poder axudar á xente moza no acceso á vivenda, e para iso é fundamental impulsar o barrio. Se a Administración local aposta por el promovendo vivenda, cremos que as promotoras e a Xunta tamén o farán”, resolveu. O Executivo local ten previsto poñer en marcha un concurso de ideas para a construción nesa zona, dentro do parque público de aluguer, de 80 vivendas bioclimáticas pensadas para a xente moza.

En canto aos orzamentos, Ferreiro comunicou que o equipo de goberno está a negociar co Partido Socialista para sacalos adiante no inicio do novo ano. “No día de hoxe acordamos os axustes para a prórroga, polo que comezaremos o exercicio cos presupostos prorrogados, algo que entra dentro da normalidade e que está a pasar en moitisimos máis concellos”, indicou.

Con respecto a proxectos que terán a súa culminación no vindeiro ano, o alcalde foi preguntado polo cumprimento da Lei de Memoria Histórica e o cambio no rueiro de nomes relacionados con persoeiros que participaron no levantamento militar. “A nosa pretensión e rematar a principios de ano. O cambio da Avenida dos Caídos xa se está a preparar e, por exemplo, coincidindo co 100 aniversario do nacemento das Irmandades da Fala, esperamos poder inaugurar cun acto destacado a rúa Antón Vilar Ponte”, comentou.

Por outro lado, o alcalde coruñés destacou que o Goberno local “está a cumprir os seus compromisos de cara á construción da estación intermodal co reordenamento do ámbito urbanístico entre a Sardiñeira e a avenida de Arteixo”. “Agardamos que o Ministerio de Fomento e a Xunta, as outras administracións implicadas tamén cumpran para que esta necesaria infraestrutura estea lista nestes mandato”, salientou.

No terreo referido a infraestruturas, indicou que a Concellería de Rexeneración Urbana ten previsto publicar no inicio de 2016 “un listado das actuacións que pretende levar a cabo o vindeiro ano”. Así, destacou o proxecto para “poñer a punto, en colaboracións cos e coas veciñas, o núcleo rural de Eirís de Abaixo”.

Durante o próximo exercicio, o Goberno local tamén espera poder dar pasos no proxecto para transformar o antigo cárcere nun polo de atracción e de iniciativas de creación cultural. “Estamos en contacto co Ministerio de Interior para poder ir avanzando nos posibles usos deste espazo mentres que non se resolva a cuestión xurídica actual”, indicou. “Apostamos por un lugar de creatividade e de talento, un lugar que non só dinamice o barrio, senón toda a cidade”, destacou.

Por último, Ferreiro foi preguntado acerca do escenario institucional a nivel estatal unha vez celebrados os comicios do 20D. “Creo que nas eleccións viuse a expresión dunha vontade de cambio clara, aínda que tamén existen movementos e presións para que nada mude”. “Veremos agora se gaña ou desexo popular ou estas presións”, dixo.

Por outra parte, a Xunta de Goberno local tamén aprobou esta mañá a conxelación das tarifas de taxis na cidade para o vindeiro ano.

Publicado o 23 Dec 2015 en A Coruña, Política, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies