“Algunos abuelos de la democracia”, presentouse esta tarde na Delegación da Xunta e en Madrid/Casa de Galicia

Os perfís dos avós de : Rajoy, Zapatero, Iglesias, Rivera e Sánchez, no libro de Alfonso García López

Madrid | “Perseguín a verdade con rigor e honradez, á vez que con respecto e neutralidade”, dixo Alfonso García López do seu libro “Algunos abuelos de la democracia”, no que tras múltiples investigacións traza os perfís dos catro avós dalgúns dos políticos máis relevantes dos nosos días: Rajoy, Zapatero, Iglesias, Rivera e Sánchez. A obra foi presentada esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia e o obxectivo do autor, notario xubilado, foi o de “buscar a verdade das súas biografías” baseándose na documentación procedente de máis de trinta arquivos, entre eles, o General da Administración, de Alcalá de Henares; o Centro Documental da Memoria Histórica, de Salamanca; ou o Arquivo Histórico Nacional de Madrid.

No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid, e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López; o xeneral Conselleiro Togado do Corpo Xurídico Militar (r) e exdirector de Dereito Internacional Humanitario de CRE (Cruz Vermella Española), José Luis Rodríguez-Villasante y Prieto (compañeiro de estudos en Santiago de Ónega); e o propio autor, Alfonso García López, notario xubilado.
“Os libros gañaron máis batallas que as armas”, dixo Ónega, citando a Argensola e engadiu que “estamos ante un documento vivo, unha fonte imprescindible e un relato eficaz e áxil, que busca a verdade, utilizando, case exclusivamente, fontes arquivísticas”.

Para Rodríguez-Villasante, tras realizar unha breve descrición do autor, “notario, historiador, avó e expresidente da Cruz Vermella da Coruña”, destacou, enlazando a biografía co libro, “os valores humanitarios da obra: a independencia, a humanidade, a imparcialidade e a neutralidade” e aludiu ao libro “El tercer combatiente” de Marcel Junot, Delegado da Cruz Vermella na guerra civil española, para destacar outra obra fundamental de Alfonso García, “Entre el odio y la venganza”.

Seguidamente, o presentador centrouse nas biografías dalgúns dos avós: En primeiro lugar na do capitán Juan Rodríguez Lozano (avó de José Luis Rodríguez Zapatero), poñendo de relevo “as incógnitas que rodean a súa condena e execución polo delito de traizón, así como a desaparición do sumario orixinal”. O segundo avó foi Enrique Rajoy Leloup (avó de Mariano Rajoy Brey), profesor de Dereito, avogado, republicano de dereitas, apartidista e destacado galeguista. Pero a vida máis novelesca que describe a obra é a peripecia vital de Manuel Ramírez Iglesias (avó de Pablo Iglesias Turrión), Capitán Auditor Presidente dun Tribunal Militar da República, poeta, avogado, funcionario e referencia da vida social madrileña. “É tan real como asombroso o relato do súa condena á morte por rebelión, a conmutación da pena, o indulto e a súa posta en liberdade”. Non revisten tanto interese as vidas dos demais. A de Mateo Pérez-Castejón Díez (avó de Pedro Sánchez Pérez-Castejón) salvo porque o autor rexeite unha falsa atribución de ascendencia que cualifica de basto infundio, e a do avó materno de Albert Rivera Díaz: Alberto Rivera Ortega, calafate da Barceloneta e que era un neno na guerra civil (que viviu o seu bisavó).

Rodríguez-Villasante destacou “o rigor académico da obra”, ata tal punto que (aludindo á Bocca da Veritá que ilustra a portada) “ben podería o autor introducir a súa man, sen ningún temor para perdela, polo carácter veraz e independente da súa achega histórica”, cuxa lectura recomendou vivamente.

Pola súa banda, Alfonso García López tamén fixo fincapé na verdade, cuns “sinxelos e expresivos versos de Antonio Machado: A túa verdade? Non, a verdade/ e ven comigo a buscala./ A túa, gárdaa”. É por iso que o autor subliñou o que “estas páxinas buscan a verdade; entendida nun dobre sentido: a veritas latina, conformidade do que se di cos feitos; e a aletheia grega, aquilo que non está oculto”.

O motivo polo que o autor decidiu investigar sobre “os avós”, xurdiu porque “os seus netos ou terceiros referíronse con frecuencia á vida e pensamento deles, nuns casos desvirtuándoos e noutros utilizando falsidades”. É por iso que “perseguín a verdade con rigor e honradez, á vez que con respecto e neutralidade”, dixo, e máis tendo en conta “a crecente tendencia a terxiversala da sociedade de hoxe amparándose en gran medida no anonimato que proporcionan as redes. Por iso este libro”.

Nas súas palabras tamén aludiu ao caso de Enrique Rajoy Leloup, avó de Mariano Rajoy, “cuxa historia é peculiar e case descoñecida, mesmo en Galicia”. Rajoy Leloup foi republicano convencido, laico, galeguista e alma do estatuto de autonomía de Galicia do ano 1936, xunto aos seus amigos Alejandro Bóveda e Ángel Casal, os dous fusilados. El sufriu o ostracismo durante varios anos.

No caso do avó de Pablo Iglesias, Manuel Iglesias Ramírez, en 1938, cando tiña 25 anos presidía o Tribunal Militar do IX Corpo de Exército republicano, con base en Úbeda. Despois foi detido, procesado e condenado á morte en Úbeda o 27 de xullo de 1939. Ata os 26 anos tivo unha vida. Despois de lograr que a pena lle fose conmutada, a súa vida foi outra totalmente diferente e “desenvolveu unha longa carreira profesional no Seguro Obrigatorio de Enfermidade, dependente do Ministerio de Traballo, en tempos do ministro José Antonio Girón de Velasco, que lle permitiu dar educación universitaria aos seus sete fillos e aparecer nas crónicas de sociedade de ABC con certa frecuencia”.

Para terminar, o autor sinalou con humor, que se alguén tivese a tentación de dicirlle “véseche a orella”, como xa fixo un amigo con agarimo, contestaríalle coa frase de Pármeno na Celestina: “Mal me queren as miñas comadres, porque digo as verdades”.