• Segue conectado
  • |

Agora que estamos no entroido.

Editorial.

Foi Santa Teresa de Jesús que dixo aquilo de “Deus tamén anda entre pucheiros”. Nós, hoxe, atrevémonos a parodiar á Santa dicindo que tamén a política, a vida nosa de cada dia, anda entre pucheiros.

Convidámolos a que nos acompañen neste modesto concurso de master chef (ou como se diga) que nos atrevemos poñer en marcha.

Trátase de meter nunha mesma perola unha serie de ingredientes que iremos descubrindo; poñelos ao lume (mellor se é de achas de carballo), remexer ben de cando en cando e esperar que sae de aí.

Eu teño a manía (unha delas) de botar man ás servilletas de papel que nos ofrecen nas cafeterías á hora de tomar un café, e ir anotando “perlas informativas” que vou lendo nos distintos xornais. Digo distintos porque teño “o vicio” de ler varios cada dia, dende a extrema dereita ao que poderiamos chamar liberalismo; non hai máis aló. As outras informacións léoas pero na miña casa, noutros medios alternativos que me chegan por correo, previo pago, obviamente.

Así podemos meter no pucheiro declaracións do director de El Pais (xornal que pasa por ser do mellor que temos, xa ben), cando di: “ se o xornalismo ten que estar sometido ao arbitrio de xuices que descoñecen o valor supremo da liberdade de prensa non hai futuro para o xornalismo” (Antonio Caño, director de El Pais). Outra perla de El Pais é esta “ Hay que preservar la autonomía de las redaciones y de los directores; preservar el derecho de los ciudadanos y evitar que especuladores o aventureros los vulneren”.

Estas dúas afirmación (ingredientes) parecera que poden darnos unha sabrosa potada, non sí?.

Sen embargo este xornal non nos informa que a Fiscal Xefe de Barcelona, Ana Maria Magaldi, freou unha investigación por corrupción contra Xavier García Albiol, lider do PP en Cataluña, por adxudicacións ilegais ao Clube Joventut de baloncesto, onde este político xogou de xove. Aínda que o fiscal instructor solicitara se pasase o expediente a Anticorrupción a Sra. Magaldi non o fixo. Admitiu que as axudas (algunhas de máis de 500.000 euros) puideran ser ilegais pero quitoulle trascendencia penal e, logo de archivar o caso, xubilouse. Isto ocorría pouco antes das eleccións catalanas do 21D. (Información completa en eldiario.es).

Non sabía nada disto El Pais coa rede de informantes que ten espallados por todo o Estado? Non lle foi furtada a debida información aos lectores?

Agora metamos na cacerola estes datos que nos ofrecen dende o Poder con todo luxo de detalles: 21,5 millóns de contratos durante o ano 2017. Claro que non se aclara que 19,6 millóns son temporais. E que máis de 2 millóns de “españolitos”, que viñeron ao mundo, recordando a Antonio Machado, non teñen cobertura algunha; comen nos comedores sociais e durmen onde poden; algúns debaixo das pontes ou nos caixeiros automáticos das cidades. Só en Vigo 1.300 familias acoden aos centros sociais para poder comer quente. Preto dun cento están en lista de espera para recibir comida cada día.

Pero isto non é problema. O problema real deste puto pais está en Cataluña, verdade? Iso sí que é grave, sobre todo para os empresarios e xogadores de bolsa.

A prensa danos os datos como quen fuma un pito. Nada de quen é culpable; nada de por qué esta situación se nos din que estamos crecendo por enriba de paises como Alemania ou Francia. Nadamos na abundancia pero algúns teñen a manía de non querer facer de comer na casa e saen aos comedores sociais. Pura vagancia, non si?

José Mújica, expresidente de Uruguay, declarou “A religión da propiedade está por enriba do valor da vida humana”. Isto válenos para engadir que o Sr. Ortega (empresario emblemático onde os haxa) gaña cada dia centos de millóns de euros. Sen embargo esa liberdade de información e de expresión da que nos fala o director de El Pais non chega para que se nos explique como é posible e a costa de que ou de quen alguén pode gañar esta escandalosa cantidade?

Pero sigamos botándolle material de cocción a nosa potaxe.

En 2005 vendéronse 1.649.000 coches; en 2013, en plena recesión, só puidemos mercar 770.000; pero en 2016 voltamos a 1.234.000 mil e subindo. Está claro que somos un Pais rico; compramos coches coma quen compra paquetes de galletas.

En canto a inversión estranxeira pasamos dos 125.000 millóns máis que en 2016:ou sexa, un 162% de aumento. Isto si que é pais? Como van os xornais democráticos e libres de ataduras poñer pegas a estas cifras de película? Quen se atreve a ser aposofóbico?

Ah!! Xa me esquecía de felicitarmonos porque a nosa “princesita” ben de recibir o “Toisón de Oro”. Hai que ir preparando o terreo, non vaia a ser que estes políticos non se dean presa en modificar a famosa Lei Sálica e teñamos algún problema coa familia.

Ben, xa poden retirar o pote da garamalleira. Hai que deixar cousas para outro día. O cemiterio está cheo de golosos que se empacharon e palmaron.

Sexamos frugais, comedidos. O ano ven de empezar e queda moito que botar no pucheiro.


Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»
Publicado o 6 Feb 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies