Zona Franca presenta a súa nova sede no Areal de Vigo

Será oficialmente inaugurada o vindeiro mes de xaneiro
A presentación da nova sede da Zona Franca no Areal contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Delegado do Estado ante a Zona Franca, David Regades.

Vigo | O Consorcio da Zona Franca de Vigo descubriu a escultura El Abrazo, de Andrés Conde, na súa nova sede de Areal, nun acto de posta en servizo do edificio, que se abre aos cidadáns, asociacións, colectivos, emprendedores, empresas e startups para todo tipo de actividades.

No mesmo acto, coa presenza do delegado do Estado, David Regades; o alcalde de Vigo e presidente do Consorcio, Abel Caballero; e a presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, descubríronse os segredos da reforma de edificio histórico, o máis rechamante un pozo con escaleira de pedra de acceso, que permanecera oculto durante décadas.

David Regades puxo en valor “que se trata dunha obra que tivo en conta a recuperación de patrimonio histórico da cidade, cunha gran sensibilidade polos elementos arquitectónicos, que marcan a personalidade do edificio e a súa contorna, na rúa Areal”. Tamén “a volta ás orixes de Zona Franca, onde empezou hai 75 anos, cunha nave no peirao de Areal” e que “estará aberto á cidadanía”.

“David Regades puxo en valor ‘que se trata dunha obra que tivo en conta a recuperación de patrimonio histórico da cidade”

O alcalde e presidente do Consorcio da Zona Franca, Abel Caballero, amosou a súa satisfacción polo resultado da obra e asegurou que “estamos a dar un paso moi importante na transformación da cidade de Vigo, con pasos de forma continua”. Ademais, destacou o valor de que o Consorcio “veña ao corazón da cidade para acoller aos cidadáns”. Lembrou que “Zona Franca é un inmenso mobilizador da economía. Presídoa desde hai case 15 anos e son a persoa que máis tempo fun presidente e todo o chan industrial que se fai na cidade lévao adiante Zona Franca”, salientou.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de “extraordinaria” a recuperación do edificio e definiuna coas ideas de “sensibilidade, respecto polo patrimonio, luz, intelixencia para enchelo de contido, aposta pola cidade e ganas de impulsar Vigo”. Destacou o labor do delegado do Estado porque “Zona Franca no centro será un revulsivo para a cidade. Este edificio é un orgullo para os vigueses”, concluíu.

O delegado do Estado, destacou ademais que a cidade “viviu os últimos 15 anos unha recuperación histórica do seu patrimonio, ademais deste edificio de Areal 46, a sede da Deputación, a sede da Universidade no edificio Redeiras do Casco Vello, o antigo edificio do Xeral para novos xulgados, o Rexistro na rúa Real ou o servizo de notificacións dos xulgados no barrio histórico”, subliñou. Lembrou que Zona Franca ten en marcha outros dous grandes proxectos de recuperación do patrimonio, como é a sede de Down Vigo, no Casco Vello, e a Panificadora.

Quixo agradecer a Andrés Conde “a súa doazón do deseño da obra, que se converterá nun emblema da cidade”. Engadiu que “a cultura tamén é economía e comprometémonos a poñer en todos os novos proxectos obras de arte, como o edificio de Down Vigo e o de López Moura”.

Nesta liña quixo ter un agradecemento especial para o arquitecto, Pedro de la Puente, quen asesorou tecnicamente na redacción do proxecto, e os servizos técnicos do Consorcio, “polo seu respecto á hora de afrontar a rehabilitación dun edificio tan icónico de Vigo, como é a nosa nova sede, que antes foi casa particular, Banco de España, Goberno Militar, Reitorado da Universidade de Vigo e edificio municipal do Concello”.

David Regades anunciou que “esperamos poder celebrar un acto de inauguración no principio do ano”.

Un edificio para a cidadanía e as empresas
O Consorcio da Zona Franca de Vigo ofrecerá toda a planta baixa deste histórico edificio vigués para que se poidan organizar desde reunións a cursos coas facilidades que dá atoparse en pleno centro da cidade.

Varias salas de diferentes tamaños, aulas e o propio auditorio, de 140 metros cadrados e 126 prazas, que son ampliables, configuran a oferta aberta á cidade para a que se establecerá un sistema para a reserva de espazos.

“Trátase de estar preto da cidadanía e os emprendedores para que usen o gran potencial que ofrece a Zona Franca para crear emprego”

“Trátase de estar preto da cidadanía e os emprendedores para que usen o gran potencial que ofrece a Zona Franca para crear emprego”, salientou o delegado do Estado. Ademais, a Zona Franca libera a zona portuaria das súas oficinas, en Bouzas, e poderá destinar eses espazos a empresas.

David Regades destacou que “as oficinas do Consorcio ocupan en Areal menos espazo, pasamos de 2.700 m2 en Bouzas a menos de 2.000 en Areal e engadimos novos ingresos cos alugueiros de Bouzas, onde en xaneiro a ocupación será do 80%, para seguir investindo na economía da área de Vigo”, sinalou.

Un pozo subterráneo oculto durante décadas
No acto de posta en servizo descubríronse os segredos do edificio, que se puxeron en valor tras a reforma, o máis salientable un pozo subterráneo, cunha escaleira de pedra de acceso, que agora se pode ver ao instalar un cristal e iluminación.

Os técnicos da reforma estiman, tras a análise dos planos, que o pozo se construíu á vez que a casa particular inicial e que, na ampliación que se realizou para o Goberno Militar, quedou oculto. Non descartan que logo puidese utilizarse como almacén de obxectos que os seus moradores non querían que visen a luz.

Un edificio con moita historia
A nova sede de Zona Franca en Areal é un edificio con moita historia. O seu primeiro propietario foi Fernando Carreras, un empresario que retornara de Cuba e encargou o proxecto da súa casa familiar a Manuel de Uceda, da Academia de San Fernando de Madrid.

A obra terminouse de construír en 1865 e foi un fito no seu momento. Constituíu o primeiro gran palacete residencial moderno da época e os vigueses facían longos paseos para contemplalo. Iniciou unha serie de edificios indianos na cidade, que despois continuaron outros, como o porriñés Manuel Rodríguez co edificio Bonín da rúa Areal co Porto ou José García Barbón coa Escola de Artes e Oficios.

David Regades (segundo pola dereita) destacou que “as oficinas do Consorcio ocupan en Areal menos espazo, pasamos de 2.700 m2 en Bouzas a menos de 2.000 en Areal”.

Anos despois o edificio foi adquirido polo Banco de España, que encargou a súa reforma e modificou a cuberta cun lucernario acristalado, segundo o proxecto de Eduardo de Adaro, en 1895. Foi nesa etapa cando se incorporan unha serie de bufardas na baixo cuberta. Tras a guerra civil, o edificio pasa a ser sede do Goberno Militar, que encargou outro proxecto de reforma que modificou de novo a cuberta e instalou un frontón como remate superior da fachada norte. Tamén se fixo unha ampliación.

En 1989 o edificio pasa á titularidade do Concello de Vigo, que o cede á Universidade de Vigo para o seu primeiro Reitorado. A reforma modifica a fachada Leste e substitúe o escudo franquista do frontón polo escudo da cidade.

Desa época son as vidreiras de Laxeiro, instaladas no hall principal e o paraninfo, que se fixeron en Amsterdam e dunha soa peza. Son obra do artista coruñés Gerardo Porto, que utilizou metacrilato en lugar de encintado de chumbo, como era habitual naquel momento.

Finalmente o Concello recuperou o inmoble ao mudarse o Reitorado ao campus de Marcosende e vendeuno en 2020 ao Consorcio da Zona Franca. A reforma de Zona Franca é dos servizos técnicos do Consorcio asesorados polo arquitecto Pedro da Puente e tivo un orzamento de 3,1 millóns de euros. O adxudicatario foi unha U.T.E. integrada polas empresas Dragados e Prace.

Elementos singulares
Entre os elementos máis singulares do edificio está a escaleira principal e mármore do chan, elementos a conservar, así como os arcos das xanelas, onde se conservan os forxados nos seus arcos.

Na planta baixa, o salón de actos cun teito de madeira que imita as ondas do mar nunha instalación cuxo obxectivo é destacar os arcos das xanelas e as vidreiras. Na primeira planta, o xardín vertical coroado por un lucernario. Na segunda e terceira planta un novo tramo de escaleiras que termina nunha vidreira, orixinal do edificio. Os elementos históricos están perfectamente integrados coa modernidade e funcionalidade dun edificio de oficinas dunha administración pública de referencia para a economía e a empresa, coas últimas tecnoloxías.

Iluminación exterior
Ademais, o edificio conta cun proxecto de iluminación que destaca a súa monumentalidade e permitirá ao Consorcio sumarse tamén aos días internacionais e celebracións co seu apoio mediante xogos de luces e cores. Instaláronse un total de 20.624 leds.

Para a iluminación contouse co fabricante español Grupo MCI, que realizou instalacións en 128 países. Entre os seus traballos máis emblemáticos están o edificio de oficinas ” Amandolier Building” de Xenebra, o innovador edificio ” The Smile” en Londres, o Teatro da ópera de Maracay en Venezuela, o Teatro Apolo de Almería, o Palacio de Abu Dhabi (UAE), o Edificio da Mutua Madrileña en Madrid, o Museo de astronomía da Meca, o Mount Elizabeth Novena Hospital en Singapur, as Murallas Reais de Ceuta, a Galería Polnocna en Varsovia, o Convento de Santa Rosa de Viterbo en Santiago de Querétaro (México), ademais de numerosos hoteis por todo o mundo.

Colección de arte
Con respecto á colección de arte de Zona Franca, a Fundación Laxeiro realizou o traballo de catalogación e identificación, de forma que agora cada obra está acompañada dunha ficha cos seus datos fundamentais.