Zona Franca creará 431 empregos na PLISAN

Coa instalación das empresas Frinsa e Gainser

A Cañiza | O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, sinalou que “o compromiso de Zona Franca para impulsar a Plisan supón xa a creación de 431 empregos, coa instalación de cinco empresas, nun polígono que estaba paralizado cando cheguei a dirixir o Consorcio.

Catro anos despois están en marcha investimentos por 233 millóns de euros por parte das compañías que se están instalando”. David Regades asinou onte nas notarías da Cañiza e Ponteareas as escrituras para a instalación de Frinsa e Gainser en Salvaterra e lembrou “o meu compromiso cando cheguei á Zona Franca, de que poñer chan ao dispor das empresas sería prioritario, para que poidan desenvolver os seus proxectos e crear emprego, e agora é unha realidade na que foi clave a colaboración entre administracións”.

O proceso de comercialización da Plisan suscitou o interese do tecido empresarial e ata a data adxudicouse unha superficie de 211.002 metros cadrados, cunha estimación, segundo as memorias achegadas polos licitadores, dun investimento para realizar de 233 millóns de euros, e a creación de 431 novos postos de traballo.

A superficie adxudicada supón un 62% do total de superficie publicada en oferta pública de venda (347.576,44 metros cadrados). En concreto, acábase de asinar a adxudicación á sociedade Frinsa do Noroeste de dúas parcelas de 40.921,85 metros cadrados por 2,17 millóns de euros.

Na memoria deste proxecto empresarial figura que as parcelas se destinarán á construción dunha edificación de 8.092 metros cadrados en dúas plantas, con posibilidade de ampliación en 20.250 metros cadrados nas fases posteriores do proxecto para ser destinados a almacén de conservas de peixe. Estímase un investimento para realizar de 7,5 millóns de euros (incluíndo investimento en terreo) e a creación de 25 novos empregos. Tamén se asinou a adxudicación á sociedade Gainser Instalacións dunha superficie de 2.641,56 m2, cuxo prezo é de 189.426 euros.

Gainser é unha empresa que naceu no CIE de Zona Franca no Porriño e agora trasládase á Plisan para crecer.

Neste caso, na memoria figura que a parcela se vai a destinar á posta en marcha dun almacén de distintos materiais relativos ás infraestruturas de equipos de bombeo e tratamento de auga para abastecemento, saneamento e depuración (bombas eléctricas, tubos e perfís de aceiro inoxidable, válvulas ou equipamentos de medición). Estímase un investimento para realizar de 350.000 euros e a creación de 6 novos postos de traballo.

Próxima adxudicación
Doutra banda, Lonza Biologics Porriño presentou unha oferta por catro parcelas que supoñen un total de 101.899,61 metros cadrados. Na memoria do proxecto empresarial presentado, figura que a actividade será un centro produtivo de produtos farmacéuticos, cunha nave de produción de 20.000 metros cadrados, dedicando o resto de superficie a servizos complementarios como zonas de espera, manobra de carga/descarga de camións e aparcamento. Estímase un investimento para realizar de 200 millóns de euros e 200 novos postos de traballo.

Resultados da comercialización
Coas adxudicacións de Frinsa e Lonza, sumadas á adxudicación realizada no ano 2019 a Hijos de Carlos Albo, culmínase a comercialización dos 205.801 m2 da mazá LLE-5. No resto das parcelas da área loxístico empresarial (145.494,14 m2) formalizouse a adxudicación dun total de 7.842 m2, entre os cales se atopa a adxudicación a Gainser (2.641,56 m2), e as dúas adxudicacións ao Grupo Tecnolóxico Arbinova (5.201,13 m2) realizadas en anteriores convocatorias.