XXIX Premios das Catas dos Viños da Ribeira Sacra en Pantón

A conselleira do Medio Rural salienta o papel da viticultura na protección da paisaxe e o patrimonio da Ribeira Sacra

Pantón | María José Gómez, conselleira do Medio Rural, salientou hoxe o papel da viticultura na protección da paisaxe e o patrimonio da Ribeira Sacra, a través da obtención duns viños de alta calidade nun territorio recoñecido pola súa beleza dentro e fóra das nosas fronteiras.

A Consellería do Medio Rural contribuíu á protección da paisaxe da Ribeira Sacra coa primeira convocatoria das axudas á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos nesta zona. Con estas achegas que se resolveron o pasado 20 beneficiouse a 800 viticultores inscritos na Denominación de Orixe Ribeira Sacra para actuar nunha superficie de 810 hectáreas de viñedo cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros.

A conselleira tamén salientou que os viños da Ribeira Sacra son un “gran embaixador” da Galicia Calidade e por iso amosou o compromiso do Goberno galego para que poidan seguir traballando con eses niveles de excelencia. María José Gómez puxo en valor as liñas de apoio coas que conta a Consellería do Medio Rural para potenciar este sector, de relevancia para a economía galega. Resaltou achegas como as de reestruturación e reconversión de viñedo ou aquelas destinadas á produción, promoción e comercialización dos produtos. Ademais, tamén sinalou os esforzos en materia de sanidade vexetal.

Adegas premiadas
Un total de 21 adegas participaron nesta edición, con 65 muestras en concurso: 21 tintos, 18 brancos e 26 doutras anadas. O panel de cata valorou as mostras nunha cata cega realizada durante a mañá. Premios outorgados: Viños Tintos (Colleita 2024): Medalla de Ouro: Casa Moreiras – Adega Casa Moreiras SL. Medalla de Prata: Prómine – Adegas Petrón SL. Medalla de Bronce: Campaza – Adega Casa Moreiras SL. Viños Brancos (Colleita 2024): Medalla de Ouro: Viña Vella – S.A.T. Virxe dous Remedios. Medalla de Prata: Ponte da Boga – Adega Ponte da Boga SL. Medalla de Bronce: Peza do Rei – Adega Cachín SC. Viños doutras anadas: Medalla de Ouro: 4ª Xeración (Mencía 2020) – Don Bernardino SL. Medalla de Ouro: 1904 Adega Vella (Godello barrica 2022) – Adega Vella Xeracións SL. Medalla de Ouro: Leira Millara (Mencía barrica 2022) – Leira Millara Adegas e Viñedos SL.

Cada viño premiado recibiu un trofeo artesanal creado por José Elías González Prieto, mestre oleiro de Gundivós, cuxa obra en barro representa a tradición e o arraigamento do viño na Ribeira Sacra. Na foto os adegueiros premiados polo Consello Regulador Ribeira Sacra.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.