Xunta de Galicia incentiva o Distintivo de Artesanía Alimentaria entre os produtores de requeixo e mel das Neves

A través dunha xornada técnica de AGADER

As Neves | O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presentou esta tarde no concello pontevedrés das Neves a xornada técnica “Requeixo e o Mel como produtos galegos de Artesanía Alimentaria”. Alí, o director puxo de relevo os produtos amparados baixo este selo, nado co obxectivo de protexer o bo facer dos artesáns tradicionais e defender a súa profesión ante etiquetaxes enganoso, co fin de conservar e preservar as elaboracións de produtos artesanais tradicionais arraigadas a nosa cultura.

Esta xornada, organizada para dar a coñecer este selo e animar aos produtores para que formen parte del, comezou coa intervención de persoal da Área de Calidade Alimentaria da Axencia, Raimundo Castaño e Marcos González, que presentaron as normas técnicas de obrigado cumprimento para que o mel e o requeixo poidan ser amparados por Artesanía Alimentaria. A maiores, abordaron algunhas cuestións vencelladas coa promoción deste tipo de produtos e a presenza de operadores en mercados, amosando o apoio que presta a Consellería do Medio Rural a estas producións.

Logo desta introdución, celebrouse unha mesa redonda na que se expuxeron casos reais de produtores integrados en Artesanía Alimentaria. Grazas a este coloquio os asistentes puideron coñecer exemplos reais de éxito neste sector. A xornada rematou cunha cata degustación comentada con mel e requeixo producidos polos propios participantes.

Normas técnicas
As normas técnicas son aqueles criterios e especificidades que debe respectar un produto para poder ser considerado artesán. Este listado tamén inclúe prácticas non admitidas para preservar a súa elaboración artesanal.

No referido ao mel, a única materia prima que poderán empregar estes produtores artesás é o propio mel, que deberá ser producido en colmeas de cadros móbiles. O desabellado dos panais deberá facerse polos métodos tradicionais e o mel terá que someterse a un proceso de filtrado e decantación.

O mel artesá que se produza en Galicia ten que cumprir requisitos da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e terá que estar amparado por ela. Neste sentido, Artesanía Alimentaria actúa de xeito complementario ao selo de calidade diferenciada, aportándolle unha maior dimensión ao produto.

En relación ao requeixo, para poder considerarse artesá só poderán empregarse como materias primas leite de vaca enteiro, callo (opcional) e fermentos lácticos. Ademais, os seus produtores deberán cumprir cun límite específico de produción. O requeixo caseiro será aquel obtido por empresas artesanais que utilicen o leite procedente dunha explotación agraria catalogada como prioritaria.

Tanto no caso do mel como do requeixo é preciso que os operadores dispoñan dun rexistro documental que permita garantir a rastrexabilidade das súas producións dende a orixe ata a comercialización. Deberán levar ao día un rexistro actualizado de entradas e disporán de fichas de elaboración de cada produto.

Obxectivos do selo de Artesanía Alimentaria
A Xunta puxo en marcha o selo Artesanía Alimentaria no 2020 na procura dun sector estruturado en concordancia dos requisitos establecidos pola Unión Europea, sendo pioneira na regulación dunha marca destas características, así como na creación de diversas normas técnicas e dos distintivos identificadores.

Actualmente, están vixentes 14 normas técnicas: as do queixo, requeixo e os xeados (dentro dos derivados lácteos), a dos derivados cárnicos (embutidos, salgados, afumados, adubados, conservas cárnicas e patés), a da sidra e a da cervexa.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.