Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra avanzan na prevención de incendios forestais

Asinado convenio por valor de 600.000€

Pontevedra | O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron esta mañá un protocolo anual de colaboración para a prevención de incendios forestais na provincia dotado con 600.000 euros que serán aportados, a partes iguais, pola Xunta e o organismo provincial.

Neste acto, celebrado na Deputación de Pontevedra, o titular de Medio Rural en funcións agradeceu o compromiso amosado polo goberno provincial pontevedrés e polo seu presidente para poñer de relevo “a importancia da cooperación entre administracións nun tema tan transcendente para o noso territorio como é a loita contra os incendios forestais”. Explicou tamén que a finalidade do protocolo é realizar actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal, co fin de dotar de medios materiais a distintos concellos da provincia.

Así, contémplase, por un lado, a adquisición de maquinaria para a prevención e a defensa contra os incendios forestais que se porá á disposición dos concellos pontevedreses; por outra banda, a cesión de material titularidade da Deputación provincial aos propios municipios e, en terceiro lugar, a formación especializada do persoal municipal no uso de maquinaria de prevención a través do Centro Integral de Loita contra o Lume, situado no municipio ourensán de Toén e que depende da Xunta.

Falta de disposición das Deputacións da Coruña e Lugo
Precisamente, neste mesmo mes de febreiro se asinaba un novo protocolo de colaboración -semellante ao asinado hoxe- para renovar a cooperación que se vén mantendo nos últimos anos coa Deputación de Ourense, cuxa disposición a participar nos traballos de prevención dos incendios forestais foi tamén posta en valor polo conselleiro en funcións.

Porén, José González insistiu en lamentar a falta de implicación das deputacións da Coruña e Lugo -malia as repetidas chamadas da Xunta en tal sentido- para participar nunhas tarefas nas que teñen a obriga legal -e mesmo moral, dixo o titular de Medio Rural en funcións- de apoiar os concellos. Neste mesmo sentido, González sinalou que a loita contra o lume “é cousa de todas as administracións e, en xeral, de toda a poboación, porque se trata dunha tarefa compartida”, remarcou.

90.000€ para a edición en galego
A Deputación acaba de abrir o prazo para optar ás axudas para a edición de obras en galego de difusión cultural dotadas, neste 2024, cun orzamento de 90.000 euros. A convocatoria está dirixida a entidades sen ánimo de lucro que poderán recibir ata 12.000 euros e o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 26 de marzo.

A institución provincial pretende con esta liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, fomentar a edición de publicacións que teñan interese social e cultural para a provincia de Pontevedra e que redunden no conxunto da sociedade. Deste xeito, os traballos subvencionados, de carácter divulgativo, deberán tratar aspectos relacionados coa provincia, co seu patrimonio material, inmaterial ou artístico, ou con persoas e colectivos relevantes desta. Ademais deberán estar editados en galego normativo e non poderán ser distribuídos como suplemento doutra publicación.

O importe máximo da subvención para cada edición non superará o 70% do orzamento total e, en calquera caso, os 3.500 euros no caso de publicacións en papel; os 8.000 euros no caso de edicións en formato audiovisual e mixta (que inclúan publicacións en papel e en audiovisual) e 12.000 euros no caso de formatos especiais de edicións para persoas con diversidade auditiva, visual ou cognitiva. Á hora de conceder as axudas valorarase a calidade técnica da proposta e a achega da publicación ao desenvolvemento, á normalización e promoción da lingua galega, ao fomento do patrimonio galego, á recuperación da memoria histórica, á igualdade de xénero, á diversidade funcional e á conservación do medio.