Xornadas de “Almorzos Saudables” na Cañiza

Participaron 291 rapaces de centros infantís e de primaria

A Cañiza | Unha actividade que forma parte do programa do novo servizo de “prevención de drogodependencias e outras condutas adictivas 2023”, aprobado polo Pleno do pasado 16 de xaneiro que acordou a posta en marcha desta Unidade.

O programa está enmarcado dentro do servizo de prestación agrupada e xestión compartida cos concellos de Arbo, Crecente e Melón, xestionado dende o noso Concello.

Segundo manifestou o Alcalde, esta semana desenvolvéronse nos centros escolares da Cañiza e de Valeixe as primeiras xornadas sobre hábitos alimenticios, coincidindo cos últimos días das clases deste 2022-2023. Quedando programadas para o seguinte curso novas accións neste mesmo eido.

Os “Almorzos Saudables” teñen como obxectivo promover hábitos de vida saudables centrados nunha alimentación equilibrada, promovendo o consumo de froitas, cereais e lácteos e sensibilizar sobre a importancia dun almorzo completo como unha das comidas principais do día.

Uns hábitos que pretenden erradicar as prácticas de consumos e de substancias aditivas non saudables. E o que é máis importante, promover e actuar no colectivo máis temperá, prestando especial atención á poboación adolescente.

As actividades estiveron dirixidas ás nenas e nenos de infantil e de primaria, estando especialmente implicados na súa organización a directiva e claustro de profesores dos centros escolares e os alumnos de 5º e de 6º de primaria que apoiaron co seu traballo o desenvolvemento das xornadas.

A todos eles, queremos agradecer moi especialmente a súa colaboración. Tamén agradecer ao persoal coidador do comedor do CPI da Cañiza e ás nais que de xeito desinteresado tamén traballaron para que esta 1ª xornada fora un éxito. O programa reanudarase nos centros escolares no vindeiro mes de setembro, intensificando e ampliando ésta e outras accións, implicando tamén ás familias e ao profesorado co obxectivo final de que “a/os nena/os se conciencien sobre a importancia de seguir una dieta alimenticia saudable e equilibrada onde prime o consumo de froita, verduras e auga”.

A actividade estará completada con outras accións do proxecto no que se traballará a importancia de conseguir unha axeitada saúde emocional. Nesta parte do proxecto participarán tamén todos os centros escolares, a través de obradoiros e os clubes deportivos dos concellos asociados.