Xoel López: "“Atlántico” é o disco dos emigrantes"

Madrid – Alejandro Mosteiro | Estaba no seu mellor momento profesional, contaba cunha das mellores bandas do panorama nacional e co éxito de cara. Nembargantes, en 2009, Xoel López (A Coruña, 1977) decidiu aparcar unha carreira efervescente para cruzar o charco e encherse de vida no continente americano. Colleu o camiño que tantos galegos tomaron no pasado e acompañado da súa guitarra dedicouse a “trovar” e a “sentir” a América. Agora, tres anos despois regresa coa maleta cargada de paz e tranquilidade, experiencias inesquecibles, amigos e cunha bagaxe musical enriquecida. Todo isto plásmase en “Atlántico” (á venda dende o 17 de abril), un título inevitable para un disco cociñado a lume lento con Juan De Dios Martín entre a súa Coruña natal e Bos Aires, a cidade que o acolleu durante a maior parte do seu tempo en América. Neste traballo, o seu duodécimo, o artista galego íspese, arranca a careta de Deluxe e preséntase por primeira vez co seu nome propio por diante. Sentados ao sol de Madrid falamos cun Xoel moi sosegado, a pesar de non parar en toda a mañá, das súas viaxes, do seu disco, da xira e, por suposto, da morriña.
 
Elephant Band, Lovely Luna, Deluxe e agora Xoel López. É vostede un cu inquedo.
Si, totalmente, pero ao final todo derivou no meu nome orixinal, é coma se fose a última capa da cebola, o que non quere dicir que me esqueza do anterior, seguirei tocando temas de Deluxe. Por outra banda, Lovely Luna (dúo que comparte con Félix Arias) é unha realidade, segue aí, somos dous amigos de toda a vida, que cando nos dá a gana xuntámonos e facemos un disco.
No seu mellor momento profesional decide desconectar e percorrer América coa súa guitarra. Non sería mellor ter aproveitado o tirón?
É o que me dicía a xente nese momento. Segundo como se vexa, eu sentía que o ambiente aquí era un pouco hostil para desenvolver ideas e crecer artisticamente, que era algo que eu non quería deixar a un lado. Quizais foi unha decisión un pouco radical, hai xente que cun par de cambios na súa vida soluciónao, eu decidino así, como unha especie de loucura. Foi algo experimental, estábame a poñer a proba e experimentando comigo mesmo. Dalgún xeito o feito de terme ido forma parte da miña obra, este disco non se podería facer se non fora así.
Que lle achegaron, artística e persoalmente, estes tres anos de viaxes e experiencias?
Mil cousas. Deume perspectiva do meu traballo realizado aquí, deime conta de que é moito, que puiden cumprir o soño de adicarme á música! Decatarme de que chegara ata aí fíxome gozalo máis. Tamén tiven tempo para xogar ao fútbol, ir a clases de guitarra e de percusión, e para coñecer xente nova… pero con tempo; non no ritmo frenético das xiras, nas que chegas, tocas e vaste. Actuaba en San Francisco, en Venezuela, en Santo Domingo, e quedábame un tempo, coñecía xente, tocaba con artistas de cada lugar, empapábame nesa cultura. Descubrín xente que pensa doutro xeito, que ve a vida dende outro punto de vista. Son países que teñen a súa idiosincrasia e a súas particularidades. Isto todo enriqueceume e agrandoume a alma.
Despois de once discos, antollábase necesario para buscar novas fontes de inspiración?
Si, novas fontes musicais e vitais. Viña de moitos anos de traballo, sen vacacións, e permitinme unha enchenta de liberdade que me serviu de abono para o futuro, para incorporar máis música ao crisol e seguir crecendo artisticamente.
“Atlántico” é o froito desta experiencia americana, como o definiría?
É un disco que ten en esencia parte do meu pasado musical, non é rupturista e é máis vitalista que os anteriores. Representa estes tres anos nos que percorrín América e a sensación de liberdade artística que tiven. Haberá xente á que lle guste e xente á que non, pero isto son eu hoxe en día.
É un disco máis sereno que os anteriores.
Si, o que non significa que sexa un disco lento, hai cancións lentas como as había en Deluxe. Pero tamén hai moito colorido, ritmos e percusión que lle dan un toque vacilón que non había antes. É moi folclórico.
Calmou a América a súa vea rockeira?
Non, iso vai estar aí latente sempre. A vida levarame por onde me teña que levar, pero é moi probable que chegue un momento no que queira “rockear” como o primeiro día ou peor.
Hay moita morriña nestas cancións?
Hai morriña e nostalxia, pero tamén hai unha gran dose de fascinación polo novo.
“Buenos Aires” podería ser a historia de calquera emigrante galego.
Ese é un gran titular. “Atlántico” realmente é o disco dos emigrantes. Hai que irse para saber como a morriña te ataca. Non quero dicir que sexa mala, ás veces é bonito acordarse da terra e emociónate, non sempre é un sufrimento. A cultura galega e o pouso da emigración que hai en Arxentina é moi importante e agradécese moito cando vas para alá, axúdanche a levalo mellor.
É un dos discos máis esperados de 2012, Como foi a resposta ata o momento?
Como dicimos os galegos non che sei dicir se é un dos máis esperados ou non, porque estou un pouco perdido. Pero a reacción está sendo bastante máis amable do que me esperaba, a xente estao recibindo especialmente ben. Pensei que ía ser máis difícil, esta claro que a xente é máis aberta do que pensaba, e iso alégrame.
Na portada apareces espido e con careta, que intentas transmitir?
A portada é moi friki! Parecíame que tiña cor, movemento, América e nudez, que aínda que soe un pouco hortera, iso me interesaba, porque me espín moito neste disco. Ten un punto atrevido que está nas cancións. Combinaban moitas cousas, había que elixir unha e foi esta!
Comezas a xira, que poderemos ver?
Vai haber dous formatos. Como máis me vai poder ver a xente é coa banda, formada por sete músicos de Galicia, Madrid e Arxentina. E tamén tocarei eu só nalgunha ocasión, algo que fixen moito por América, presentar as cancións tal e como as trouxen ao mundo.
Entre as primeiras citas chama a atención a de Amberes, a que se debe?
A min tamén me chama atención. É totalmente casual e fortuíta, forma parte da xira de “Viva la Canción” na que tocarei con Natalia Lafourcade e Carla Morrison, e digamos que o “paquete” é Zaragoza, Barcelona e Amberes.
O de Santiago será o único concerto en Galicia?
Haberá máis, de feito xa está o “Festival de Cans”. Pero haberá un concerto na Coruña como Deus manda! Polo momento só podo dicir iso.
Participou nun documental de National Geographic, prepara un sobre “La Caravana Americana”, dirixiu o único videoclip de Lovely Luna e púidoselle ver en “La Hora Chanante”. Atreveríase cun papel no cine?
Non, agora mesmo non. Si me gustaría facer unha banda sonora, de feito estou esperando que alguén veña e me faga unha proposta que non poida rexeitar.
Leva tres anos empapándose de música americana, que nos recomendaría?
Hai moita música moderna de xente que fusiona o folclore co actúal, mesmo coa música anglosaxona, que están a facer cousas moi importantes. Se botas unha ollada a “La Caravana Americana” podes sacar calquera: Pablo Dacal, Lisandro Aristimuño, Franny Glass, Fernando Catatau… Tamén me gusta moito Onda Vaga, un grupo porteño moi interesante.
En Brasil actuou ante un millón de persoas e pouco despois tocou para menos de corenta; como se asimila iso?
Cunha gran capacidade de adaptación, é un cambio de “rol” e de “chip” brutal. Son cousas que só pasan nas viaxes, eu funme a América para tocar en garitos e xurdiume isto de tocar en Fortaleza en fin de ano para unha cantidade de xente para a que xamais tocara. Probablemente, en América foi no lugar onde toquei para menos e máis público.
Que lle enganchou de Bos Aires?
É unha cidade historicamente artística, con moita paixón pola creatividade, na que pasan cousas en cada esquina. Ten que dicir moito a nivel artístico. O que a nivel de mercado non exporte moita música, non quere dicir que non a haxa.
Buscaba a esencia dos primeiro días, encontrouna?
Si, claramente. O volver tocar en bares, falando directamente co tipo, recollendo e montando todo eu mesmo, e tocar para xente que non te coñece, transpórtate ao teu pasado. É unha viaxe aos meus comezos.
A entrevista remata e, igual que ao principio, a cidade faise presente. É Madrid e hora de xantar. Xoel pregunta “Neno, sabes dalgún sitio para comer por aquí? Algún galego,jaja”
Podes consultar os concertos en www.xoel.com/conciertos/

* Tomado de Galicia Hoxe

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!