Xela Arias.

Xela Arias Castaño (Sarria, 1962- Vigo, 2003) tivo un pai tamén escritor e tradutor, que traballou na Granxa de Barreiros (en Ortoá, Sarria), un proxecto pedagóxico creado por Antonio Fernández López, que tiña como obxectivo integrar a natureza e a cultura galega na aprendizaxe escolar. A filla de Amparo e Valentín chamouse María de Los Ángeles, pero desde os seis anos chamárona Xela.

En 1984 pasou a chamarse oficialmente Mª dos Anxos e en 1995, Xela. Trasladouse coa súa familia a Vigo e estudou no instituto Castelao, do bairro do Calvario. En COU deixou os estudos e comezou traballar en Edicións Xerais de Galicia, en 1979 (ano da fundación desta editorial). Primeiro traballou como oficinista, logo na creación e investigación e, entre 1990 e 1996 como correctora de estilo e editora.

Participou en reticais poéticos contra a entrada do Estado na OTAN e, máis tarde, en en solidariedade coa xente afectada polo afundimento do Prestige e coa plataforma contra a Burla Negra. Xunto con outras poetas como Yolanda Castaño, Olga Novo ou Enma Couceiro, boa parte da súa obra aparece nos anos 90. Xela aborda temas como o amor, a alienación do individuo pola sociedade, a morte e a pouca importancia da existencia humana.

En 1991 retomou os estudos e fixo Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, licenciándose na Universidade de Santiago de Compostela, iniciando a especialidade de galego-portugués. Casou en 1992 e tivo un fillo. En 1999-2000 comezou a exercer como profesora substituta de ensino secundario de lingua e literatura castelá, pasando por institutos de Santa Comba, Moaña, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. Faleceu prematuramente en 2003, aos 41, anos a consecuencia dun ataque cardíaco.

Desde 1980 publicou en varios xornais como Faro e ANT. Foi finalista do premio Losada Diéguez, ingresou na AELG e exerceu un longo traballo como tradutora ao galego de autores como Jorge Amado, James Joyce, Wenceslao Fdez. Flórez., Cervantes, Bram Stoker, Charles Baudelaire e outros. Xerais reedita unha antoloxía dela que vos recomendo.

Dela escollín este breve poema:

Ambicioso o equilibrio dos extremos,
que tanto pesan,
a cada lado.
Pero sempre hai un gañador, anque perda.

(“Intempériome”, 2003)

E tamén esta cita que me impresinou:

“Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados.”

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.