Vox entra nos gobernos.

Cadernos da viaxe.

Núñez Feijóo foi proclamado candidato único á presidencia estatal do PP. E este feito coincidiu no tempo co pacto de goberno entre o PP e Vox para gobernar Castela e León. Con 13 deputados sobre os 44 da maioría absoluta que ambos os dous partidos achegan, Vox acadará, da mán do PP, a vicepresidencia do goberno rexional e tres das dez consellarías, ademáis da presidencia das Cortes (o Parlamento territorial).

O pacto foi moi mal recebido polo presidente do PP europeo, Donald Tusk, pois que considera que os extremistas son aliados da francesa Marie Le Pen e do primeiro ministro húngaro Viktor Orban, tradicionais amigos de Vladimir Putin.

O pacto foi acordado polo propio Abascal con Machueco, presidente popular castelán, polo que Núñez Feijóo non é responsábel no eido xurídico, ao non seren aínda Presidente do PP estatal. Mais todos sabemos que dende o mércores 3-M non se move unha palla na rúa Xénova sen que o aprobe Núñez Feijóo. Xa que logo, é evidente que este pacto tivo de ser aprobado implícitamente polo aínda presidente galego.

“Mal comezo para un presidente estatal do PP que racha o cordón sanitario que defende o PP europeo”

Mal comezo para un presidente estatal do PP que racha o cordón sanitario que defende o PP europeo para evitar que a extrema dereita continental (tradicional amiga de Putin) marque. aínda máis do que xa o fai, a axenda pública nos Estados da Unión Europea. En xeral de calquera botándolle a culpa aos outros.

Neste caso ao PSOE por non investir incondicionalmente a Machueco. Tamén amosou, no seu último debate parlamentario no pazo compostelán do Hórreo outra destas cualidades (facerlle oposición á oposición), culpando Ana Pontón (BNG) dunha falla de consenso institucional da que só o PPdeG e o PSdeG foron responsábeis, ao substituiren a condea da agresión rusa asumida polos mesmos partidos e o BNG por unanimidade na Deputación coruñesa (ou o acordo unánime do Congreso dos Deputados) por un apoio expreso á NATO inédito nas outras declaracións institucionais das diferentes institucións e Parlamentos europeos.

Concide a progresiva retirada de Núñez Feijóo das responsabilidades de goberno na Galicia cun prezo da enerxía eléctrica inviábel para a nosa industria, agricultura e gandería. E tamén imposíbel para as economías familiares galegas.

Evidentemente Núñez Feijóo non é responsábel nin da guerra de Ucrania nin do desaquelado sistema marxinalista tarifario europeo, mais é certo tamén que nos seus trece anos de goberno sempre desbotou reformas tarifarias tanto deste sistema marxinalista como calquera outra no beneficio da Galicia.

Porque cubrimos o 76% das nosas necesidades con enerxías renovábeis e exportamos máis dun terzo da enerxía que producimos sen poder subvencionarmos o consumo das nosas familias e empresas, que pagamos igual ou máis ca os consumidores non produtores de Madrid. Asumindo, nós exclusivamente, os custos ambientais e económicos desta sobreprodución.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.