VOX en tempos de Meloni.

É significativa a crise interna de VOX. A mesma descifra moitas das chaves que están condicionando o actual clima político español de cara a un 2023 electoral. Unhas chaves que revelan o revival do bipartidismo PSOE-PP ante a crise política que se observa dende a esquerda (Podemos) e agora a dereita (VOX), toda vez aparecen na mesa novas tendencias (SUMAR de Yolanda Díaz) que calibrarán a súa efectividade político-electoral nos próximos meses.

A crise de VOX é tamén salientable ante o reforzamento dunha nova versión da ultradereita en Europa, con Giorgia Meloni á cabeza do novo goberno italiano pero tamén ante a recomposición das forzas extremistas de dereita no seo da UE, dende Hungría ata Portugal pasando pola recente vitoria electoral da dereita en Suecia, novo membro da OTAN tralo cumio de Madrid. Compre por tanto preguntar se estamos ante o final do ‘europeísmo’ de talante socialdemócrata ata agora coñecido, toda vez as forzas da dereita tentan recompoñerse ante o novo contexto que se presenta.

Un contexto trazado pola guerra ucraína e as tensións ruso-occidentais que auguran o empeoramento dunha crise socioeconómica in crescendo, escenario onde esta ‘nova’ ultradereita, coas súas múltiples facianas, buscará pescar con efectividade en río revolto, tentando gañar votantes nas cada vez máis deprimidas clases medias e traballadoras a través dun discurso simplista e demagogo pero non por iso menos efectivo.

A crise acaecida no campo da ultradereita española non debe reducirse ao pulso entre a ‘disidente’ Macarena Olona e a cúpula de VOX que finalmente decidiu romper con ela.

Ten que ver tamén coa posición deste partido ante a recomposición de espazos de poder por parte dun bipartidismo PSOE-PP que converxe en intereses específicos (poder xudicial) pero tamén a través de medios de comunicación cada vez máis politizados e cooptados polo poder.

“VOX, que pretendía ser o rupturista do sistema pola dereita, vese agora atomizado, en fase de reconversión”

VOX, que pretendía ser o rupturista do sistema pola dereita, vese agora atomizado, en fase de reconversión. Ou quen sabe se tamén de recomposición. Sabe que depende do “efecto Feijóo” para chegar á Moncloa. Por certo, Feijóo xa anuncia unha xira europea focalizada en proxectar a súa imaxe a nivel continental, tentando mostrarse como unha “dereita moderada” pero que tamén depende do “tirón” político de VOX.

No momento actual do VOX “post-Macarena Olona”, está por ver se terminará o “partido verde” pescando votantes nas clases obreiras, un síntoma que foi visible no caso de Marine Le Pen en Francia pero que tamén comezamos a observar, con menos incidencia, na Italia que agora ten a Meloni liderando un novo goberno. Por outra banda, tampouco está claro se VOX continuará o camiño de Cidadáns (C’s), hoxe un actor cada vez máis marxinal do estamento político ibérico.

Para explicar a ruptura cunha Olona que curiosamente criticaba a “falta de democracia interna”, un dos ‘pesos pesados” de VOX, Espinosa de los Monteros, afirmou que era “o final do camiño” para Macarena. Non se refería, pensamos, a ese Camiño de Santiago que fixo este verán a ex candidata de VOX á Junta de Andalucía. É outro o camiño que se abre agora para VOX, cada vez máis labiríntico e incerto pero ‘esperanzado’ nos efectos que poida proxectar esa ultradereita europea que ten un agora un revival con Meloni e a súa “troika” no poder con Salvini e Berlusconi, por certo non sabemos se unida circunstancialmente.

Veremos cómo transitará VOX este roteiro “post-Olona” que se abre agora, principalmente tomando en conta que o establishment político español está calculando as súas opcións ante un decisivo 2023 electoral cada vez máis á volta da esquina. Será Meloni a súa nova referencia? Ou seguirá apostando polo “efecto Feijóo” para ‘peregrinar’ cara A Moncloa?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.