Votacións.

Cando suceden os tempos de poñerse á venda xa sabemos que vén despois. Nótase nas caras e nos sorrisos finxidos, nas promesas que nunca cumpriron e -agora- nunha interpretación fabulosa pretenden facernos crer aquilo que soñamos.

O certo é que o mundo está cego e cegado. Só con mirar quen nos goberna no lonxe xeográfico e as ansias de desfeita que teñen, para saber como somos os que os poñemos aí, na cima do poleiro. Eu non quero mirar moi lonxe, non. Non quero imaxinar Mileis na proximidade, nin Trumps, nin toda esa golfería que foron quen de convencer á maioría tola que os votou, quizais desesperados e desbotados da sociedade, na beira mesma do precipicio.

Non, non quero imaxinar a pobreza des que votaron a aquela xente, sen ver, sen darse conta do terrible risco. Nós, todos, xa temos de abondo coa terrible desfeita do Planeta, xa nos comen os lixos e os inventos que inventamos, chamémoslles combustibles fósiles, plásticos ou calquera variable da nosa inconsciencia.

Abusamos e explotamos no medio da nosa desconsideración, da falta de respecto e de xustiza social, quizais comprensión e consideración. Non somos quen de comprender aos inmigrantes despois de sermos nós un pobo emigrante. Non aprendemos as leccións que a historia próxima nos dá. Unha e outra vez caemos na tentación de crernos por riba dos demais, no dereito de mirar para non ver, de facernos os xordos.

Pero volvendo ao rego das votacións, nós sabemos que isto de votar non é unha broma. Que nos xogamos moito ou nada, que quizais as cousas sigan a ser como eran, aínda que cambien os elementos que nos representen. Por iso as cousas van como van, aquí e alá no lonxe do lonxe. Xa se ve, levamos anos votando e a broma é ter que padecer aos nosos representantes que non nos representan, tan desatinados e falsos nos seus actos, na súa xestión funesta. Nada fai pensar que anque cambien, as consecuencias sexan favorables e distintas, pero temos a ilusión de que si, que cambien dalgún xeito. As promesas deberan ser poucas e claras, sen ocos para a trampa, factibles.

Porque algúns prometeron xa a execución de sentenzas que se deron sen xuízo racional nin previo. Déronse e punto, sen advertir, sen consultar. Xa eles saben que facer! Outros foron máis comedidos, tiveron a ben non correr riscos. O certo é que é mellor que gañen aqueles que non tiveron responsabilidade algunha, porque os que a tiveron non fixeron os deberes como deberan: todo está á vista.

O mellor é que gañen aqueles que parecen poderán facer algo e cambiar un pouco este gris destino, esta escura sombra chea de lixos que tanto leva enriba de nós. Quixeramos saber quen serían aqueles menos malos, os mellores, quizais os que máis poidan cumprir os nosos desexos dunha Galiza nova e máis nosa, en propiedade. Pero, claro, andan por aí os medios de comunicación complicando a cousa, calando, dicindo mentiras, albergando dúbidas, poñendo atrancos. Tamén locen as súas mellores galas en foros cheos de coristas que se aloufan proclamas, solucións que nunca solucionaron nada. Non deixa de ser un problema votar, saber, distinguir.

“O mellor é que gañen aqueles que parecen poderán facer algo e cambiar un pouco este gris destino”

Eu téñoo claro porque sei quen son aquela xente que mellor pode defender os nosos intereses. Non hai outros, mirade ben. Case sempre perden porque compiten contra xigantes e sobrados que logo non fan nada. Pero creo neles e chegará o día en que poderán demostrarme que a esperanza teimuda, aínda que pesada e dura, pagou a pena e nos permitirá ser nós, nesa pureza orixinal da terra que nos mira, nese don de crernos donos do noso destino.

 

Mestre e músico.