Vigo | Galicia conseguiu unha clara mellora nos principais indicadores económicos do tecido empresarial galego cuns ingresos de explotación próximos aos 140.000 millóns de euros (un 5,2% máis), xerando 33.480 millóns de euros en valor engadido bruto (VAB), un 8% máis, o que representa o 43,28% do PIB galego. É unha das conclusións do Informe ARDÁN, elaborado coa análise de 45.000 empresas con datos de 2023 nos Rexistros Mercantís e resultados da enquisa 2025.
Como dixo o delegado do Consorcio, David Regades: “un ano máis tratamos de xerar coñecemento rigoroso sobre o desempeño empresarial, fortalecer a toma de decisións estratéxicas aos axentes que interactúan na economía e estimular o diálogo entre o tecido económico e institucional.”
Na presentación participaron, ademais de Regades, o catedrático da USC Santiago Lago, a catedrática da UVigo Belén Fernández-Feijoo, o director Grupo de Investigación XENE, UVigo, Miguel Rodríguez Méndez, e o alcalde de Vigo e presidente do CZFV, Abel Caballero. En Galicia, os beneficios empresariais alcanzaron en 2023 os 11.390 millóns de euros e as empresas achegaron á sociedade 11.891 millóns en salarios e á Seguridade Social e 1.291 millóns en impostos.
O emprego creceu un 3% e, en comparación con niveis prepandemia, creouse un novo posto de traballo por cada 10 existentes en 2019. As taxas medias por empresa rexistran un crecemento do importe neto de negocio e do VAB do 4,87% e do 8,08%, respectivamente. O resultado neto de explotación creceu un 11,88% e os beneficios netos un 10,73%, cunha mellora porcentual ao redor dos tres puntos respecto ao exercicio anterior en ambos os parámetros.
Ademais, a rendibilidade económica e financeira situáronse no 4,61% e o 8,43%, tamén superiores aos valores precedentes. En termos de produtividade laboral, as empresas alcanzaron os 35.030 euros por empregado en 2023, un 6,45% máis que o ano anterior, superando o crecemento do custo medio do emprego (5,31%).
Por sectores, o téxtil, confección e moda liderou a xeración de riqueza cun 20,2% do VAB, seguido de Actividades financeiras, inmobiliarias e de sociedades holding (12,8%), Construción (10,4%), Automoción e equipo (7,66%) e Loxística e transporte (6,9%).
Vigo consolida o seu dinamismo na industria
O tecido empresarial da comarca de Vigo representa o 19 % de empresas de Galicia, e responsable do 25,6 % da facturación xerada. O valor engadido bruto agregado aumentou un 10 % respecto ao exercicio anterior, o que consolida a Vigo como a comarca máis dinámica de Galicia entre as grandes en creación de riqueza.
O 50 % das empresas da área viguesa presentan taxas de crecemento do valor engadido superiores ao 7%. En comparación cos niveis previos á pandemia, a capacidade do territorio para xerar riqueza incrementouse nun 50 %, o que evidencia unha notable recuperación e fortalecemento económico. Ademais, Vigo concentra o 44,23 % de toda a riqueza xerada pola industria manufactureira, construción e enerxía.
As empresas da área mostraron un dinamismo especialmente destacado nestas actividades, inxectando á economía da comarca 320 millóns de VAB máis que en exercicio anterior. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, definiu o Informe ARDÁN como “un espazo económico, intelectual e de análise que xa é referencia en toda Galicia” e o papel actual da Zona Franca de Vigo como “unha plataforma fundamental de diversificación e líder na creación de novos espazos económicos “.
Caballero subliñou os datos positivos que o informe lanza con relación ao crecemento da cidade viguesa, sinalando que “a nosa economía está moi ben diversificada e iso fainos case indestructibles”, aínda que tamén esixiu á administración autonómica que non poña trabas a que as grandes infraestruturas cheguen a Vigo. “Temos que reclamar desde a economía a adecuación da política”.
Maior converxencia Galicia-España
O catedrático Santiago Lago puxo en valor o avance de Galicia no PIB per Cápita: “No que levamos de século, ningunha comunidade en España avanzou tanto. No ano 2000 eramos décimo quintos. Hoxe somos novenos. A clave estivo no positivo comportamento da produtividade en termos comparados en Galicia”. Sobre innovación, internacionalización e xestión do talento os datos da Enquisa ARDÁN, correspondentes a 2024 mostran avances.
O esforzo medio en I+D interna sitúase no 0,40% da cifra de negocio, fronte ao 0,35% rexistrado en 2023. En canto ao nivel de internacionalización o informe constata un superávit comercial á alza e unha produtividade por empregado mellorada en 2023-2024. Aínda así, a diversificación xeográfica e sectorial dos investimentos permanece limitada, o que aumenta a exposición á inestabilidade da contorna.
Tamén se observan avances na Xestión do Talento en capital humano e organizativo, especialmente en dixitalización e xestión de procesos, aínda que persisten áreas de mellora. En canto á igualdade de xénero, tanto a segregación salarial feminina, como do índice de igualdade presentan mellores resultados para as mulleres, aínda que non suficientes.
O valor media do Índice IG pasa de 448 puntos sobre 1.000 en 2020 a 495 puntos en 2025. Para a coautora do informe, Belén Fernández-Feijóo “as empresas consideran que os desequilibrios se deben sobre todo a factores externos, como o sector. Por iso, a percepción da igualdade é significativamente inferior nos sectores cualificados como masculinizados e as mulleres mostran un maior desencanto coa igualdade de xénero nas súas empresas e na igualdade de oportunidades laborais.
As empresas teñen unha impresión aumentada da realidade, polo que consideran que non resulta tan necesario nin urxente avanzar”. Finalmente, en canto á circularidade económica, Miguel Rodríguez Méndez, explicou que as empresas galegas están a progresar cara a unha maior circularidade, de tal maneira que, se o 7% contaban cunha estratexia ben definida no ano 2022, xa son o 18% en 2025, se analizamos as empresas que participaron de maneira continua neste informe.
Como resultado, un 30% das empresas obtén beneficios económicos derivados de prácticas circulares, grazas a usar materiais reciclados en máis do 10% dos seus procesos (24% de empresas), realizar auditorías de eficiencia (27%), e utilizar polo menos un 25% de enerxías renovables (excepto transporte) por un 27% de empresas. Todo iso responde ao empuxe normativo (CSRD, RCDE2, Real Decreto sobre Pegada de Carbono, compras públicas verdes etc.)/ etc.) e o contexto xeopolítico, que están a acelerar este cambio. A circularidade emerxe así non só como un compromiso ambiental, senón como unha estratexia de resiliencia e competitividade económica.