Valentín González Formoso preside a nova directiva do PSdeG

Co obxectivo de rearmar un proxecto "que conecte coa cidadanía"
González Formoso puxo como obxectivo prioritario establecer un fluxo de traballo “á vangarda das propostas e solucións”.

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, anunciou unha Executiva do PSdeG “moi autoesixente, co obxectivo claro de ser propositiva”. O líder dos socialistas galegos presidiu hoxe en Santiago de Compostela a primeira reunión da Comisión Executiva Nacional Galega -CENG- logo do 14 Congreso dos socialistas galegos.

González Formoso puxo como obxectivo prioritario establecer un fluxo de traballo “á vangarda das propostas e solucións” de utilidade para o país, que comezou coa primeira toma de contacto para “ordenar prioridades” e comezar a traballar dende o PSdeG-PSOE.

O responsable socialista sinalou que o partido concluíu o Congreso “máis forte do que estaba” logo dun encontro que “reforzou a mensaxe municipalista” co obxectivo nidio a 17 meses vista, “onde temos que afrontar o exame que máis nos gusta aos socialistas, que é o da cidadanía”.

Sinalou que a nova Executiva comeza a súa andaina coa vista posta nas próximas eleccións municipais, para as que “temos que poñer toda a maquinaria e o talento do partido a punto para conformar proxectos nos 313 concellos de Galicia”.

Uns proxectos, dixo, “que conecten cos destinatarios, que é a cidadanía galega”.

Logo do Congreso autonómico virán os 4 congresos provinciais.

Logo do Congreso autonómico, sinalou, compre afrontar os 4 congresos provinciais, que se desenvolverán “na clave de sumar” configurando un “marco ordenado de congresos enriquecedores para o socialismo galego”.

En resposta a preguntas dos xornalistas, o secretario xeral do PSdeG-PSOE anticipou que será a próxima Executiva, programada para as primeiras semanas do próximo ano, a que designe ao novo portavoz parlamentario.

González Formoso explicou que “hai distintas posibilidades” para asumir a responsabilidade, que será decidido “unha vez establecidas as prioridades de funcionamento da CENG e vendo cal é o perfil da persoa que teña que ser portavoz do socialismo galego no Parlamento”.

Outros artigos