Por se vale de algo.

Algo se debe estar a facer mal cando despois de cincocentos longos anos de historia desmemoriada, faise tan evidente a división dun suposto país que non consegue integrar aos seus habitantes nunha estrutura común que os concilie, nunha entidade organizativa de xestión ou nun grupo de nacións que teñan algún denominador común de integración e respectos, en certas vontades. Respectos por riba das proximidades xeográficas, dos dispendios, das renuncias e opresións, incapacidades invasivas e torpes modos. Debería reconsiderarse a idea distributiva que permita saír de tal fracaso, corrixir e empezar a honrar -cunha boa disposición de partida- os acordos dignos da convivencia e dignidade, sen submisión algunha. Quizais o rigoroso nacionalismo español debera reconsiderar e doerse polas “cousas” do pasado, con propósito de emenda e que saiba que non son senón humillacións, provocacións, desequilibrios, insultos á mínima intelixencia, modos de degradación de calquera convivencia que, en todo caso, parece ser, se pretende. Quizais deberan deixar, dunha vez por todas que os distintos pobos poidamos exercer a nosa realidade, cultura, identidade enriquecedora. Enriquecedora para todos. Pois son esas variables da Cultura as que, en verdade, rexeneran a vida pública e abren horizontes de concordia e de porvir, sen dúbida moito máis felices que os ata agora ofertados e que consternados nos arrepían coa forza bruta, sen razóns. Habitamos, non hai dúbida, unha ingobernabilidade en pleno naufraxio, en plena crise case cronificada e á deriva. Hai que escoitar e oír, ver e sentir antes de falar. Non é doado, pois cómenos a carraxe. Despois, cómpre facer autocrítica. Pensar a resposta, evitando a ofensa. Tratando de entender e entenderse. Penso que son eses os pasos a dar, de saída, sempre e cando as partes queiran comprenderse. Facer unha revisión e tomar novos acordos, mesmo redactar doutro xeito, intelixente e equitativo, aquel “código” que nos conduza en paz e harmonía. Certamente non hai que entender moito, este código que agora nos rexe e que por moitos sitios fai augas, está desactualizado e xa de nacemento é unha redacción enganosa, quizais fraudulenta, deixa todo “atado e ben atado” no seu propio fracaso. Así non chegamos a destino algún de conciliación. Os pobos non poden, digo ben, ser asegundados desta maneira. Abaixados, castigados a obedecer, sen dereito a autoprocalmarse en orgullo de ser, de autoxestionarse e autocompracerse satisfeitos da súa propia existencia, e nunca xamais acomplexados ou lesionados, invadidos nas súas competencias.
Escribiron con trampa aquel código, na letra pequena están tamén as ruindades e os desafectos doutrora. Débese evolucionar corrixindo, fluír en liberdades e afectos, en recoñecementos. Non pode ser que teñamos que ser periféricos e secundarios sempre. As leis estanse empregando ao límite e con moitísimas dificultades, para os que temos non só dereitos de nación senón dereitos humanos que non se compren nin respectan. Para canto máis de interpretación e aplicación “libre” desde o goberno que reprime maliciosamente deberes e duplicidades, dobres contabilidades e dobres impostos que poden impedir a evolución desas identidades “periféricas”, sobre todo cando escapan do goberno deles. De tal xeito que fan que sexan inxustas e represoras desde a mesma redacción desequilibrada e insidiosa, para canto máis na súa aplicación intencionadamente perversa e moi subxectiva. Deberan lembrar que só se é libre, individual ou colectivamente, cando se permite proclamar a insurrección diante desas leis inxustas, calquera que sexa, e tamén para esixir que cambien e poder camiñar, ter horizontes de esperanza. Sen agardar represalias e aplicacións abusivas de poder.

Mestre e músico.

Outros artigos