
Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas vén de poñer o broche de ouro ao seu Campamento Urbano Musical de Semana Santa, unha iniciativa que destacou pola súa elevada participación e polo seu firme compromiso social. O proxecto foi posible grazas á estreita colaboración entre a Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) do CEP Altamira e a Asociación Amigos da Música, nunha aposta pola conciliación accesible e a identidade cultural.
O campamento naceu co obxectivo prioritario de facilitar a conciliación das familias durante o período non lectivo. Para garantir que ningunha familia quedase fóra por motivos económicos, o campamento tivo un prezo simbólico de arredor de 1,25 € por día, unha contía que reforza o compromiso público coa conciliación. A resposta foi inmellorable: todas as prazas foron cubertas no primeiro día de apertura das inscricións.
Máis aló do lecer, a actividade serviu como unha ferramenta de inmersión lingüística en galego, co obxectivo de reforzar o uso da lingua propia entre a infancia. Así mesmo, os nenos e nenas puideron achegarse de primeira man á tradición musical e cultural de Salceda. Un dos piares fundamentais desta edición foi a promoción da igualdade e a ruptura de estereotipos de xénero. A través de diversas dinámicas, traballouse no fomento das novas masculinidades e na corresponsabilidade.
Neste sentido, a colaboración entre as entidades foi clave: Unha vez que o concello realizou a proposta a ambas asociacións a través das bases e condicións, a ANPA asumiu parte do peso da organización coas familias mentres que a Asociación Amigos da Música achegou, a través do seu voluntariado xuvenil, unha visión renovada da cultura. Esta participación das xeracións máis novas permitiu rachar con roles de xénero tradicionalmente asociados á música e ás artes.
A alcaldesa de Salceda de Caselas quixo poñer en valor o traballo conxunto do tecido asociativo local: “Seguimos apostando polo asociacionismo e este foi un exemplo máis de que unidas e unidos podemos facer cousas marabillosas pola nosa infancia e as súas familias”, sinalou a rexedora. “Esta é unha mostra máis das diferentes formas de colaboración cos nosos colectivos, nesta ocasión con unha proposta baseada no fomento da igualdade e a diversidade, ao tempo que se pon en valor a nosa música, e por suposto a nosa lingua”.
O campamento desenvolveu as súas actividades en diferentes espazos municipais como o centro de servizos sociais que funcionou como punto base, a Casa da Música na que se levaron a cabo as actividades musicais, ou mesmo a recentemente renovada Praza de Abastos que tamén recibiu a visita da rapazada que puido coñecer de primeira man o funcionamento do servizo, moitas veces descoñecido para a xente máis nova.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, a Concelleira de Ensino, Selene González, a ANPA Altamira, o voluntariado da Asociación de Amigos e Amigas da música e a empresa local que realizou o campamento, despediron á rapazada na propia Escola da Música, onde se lles fixo entrega do seu diploma acreditativo. Co peche desta edición, Salceda de Caselas reafírmase como un referente na creación de espazos educativos que combinan a formación en valores co apoio directo á economía das familias do municipio.




