Unha intemperie alumeada.

Por Alicia Díaz Balado. Edición Especial 100 números de Eixo Atlántico

A(qui) é o Fim do Mu(ndo): famoso lema sobre a estatua xacente de Pedro I. Seis leóns asentan o túmulo do rei. Aos seus pés vixía un can leal. Inés loce a coroa pétrea das raíñas, sostida por anxos tan pétreos como a mesma efixie.

O Mosteiro da Alcobaça, unha das sete marabillas de Portugal, acubilla os corpos de Pedro I e Inés de Castro desde hai seis séculos. Pode que o vello camiño entre Coimbra e a Alcobaça fose unha intemperie alumeada por teas no traslado do corpo de Inés desde Santa Clara A-Velha. Hoxe, a solidez dos túmulos representa a certeza da pedra que da conta de múltiples lugares marcados – fantasmas na Quinta, xeografía e destino – e que fala de feitos e trasacordos debuxados nas crónicas da época.

O relato teceu unha trama de arte, xeografía, lenda, mito e literatura na historia dos Reinos. A fábula universal e o relato de amor de Pedro e Inés continúan vinculando a Galicia e Portugal na reflexión, no estudo, na interpretación documental e nas letras.
Ata a fin do mundo -as verbas con máis sona do arte funerario gótico portugués – fican ben enraigadas no fisterra galego, no que baten os monstros cos que Pedro turrou no seu desvarío.

“A fábula universal e o relato de amor de Pedro e Inés continúan vinculando a Galicia e Portugal”

Desde a súa Limia Baixa, Inés venceu á peste e á inmortalidade. Como xa se escribiu, nuns restos de muller rebule un sangue aínda vivo. A lingua, a literatura, os mapas e o tempo. A política, as batallas e os campos mil veces trillados de a cabalo, para chegar onda as cidades muradas na busca de pactos ou na ruptura de alianzas.

Descendemos das mulleres que detiñan os seus labores para ollar o paso do señorío, aquelas que aventuraban que dama se gardaría das inclemencias nun carro de avoengo.

A fin do mundo, na Alcobaça, rega e alimenta o caudal desbordante e xeneroso do Miño; aínda fío no Pedregal de Irimia. Contemplados polos que logo derrubaron os castelos, xerminamos, séculos despois, nun imaxinario común de pedra tallada e terra luminosa.