Unha Festa anacrónica.

Cadernos da Viaxe

O 12 de outubro foi elixido como festa estatal por ser a data na que Cristóbal Colón chegou a América en 1492. Feito que se considerou o inicio dun período de proxección lingüística e cultural de España alén dos límites europeos. precisamente cando o Reino de España perdeu no 1898 despois da guerra cos EUA Cuba, Puerto Rico, Guam e Filipinas e, xa que logo, a súa dimensión extraeuropea. Aquela que definía na Constitución de Cádiz (1812) a Monarquía hispánica como “la reunión de españoles de ambos hemisferios”.

Velaí como xurde a proposta do “Día de la Raza” do maurismo conservador no 1914, corrente política que afastará a extrema dereita conservadora dos valores liberais e democráticos e fornecerá de cadros civís(como Goikoetxea, Calvo Sotelo ou Eduard Aunós ) á Ditadura de Primo de Rivera. Menos coñecido é que moitos xóvenes mauristas (como Aunós ou o marqués de Figueroa) partillaron na Solidaritat Catalana e na Solidariedade galega. En Catalunya a colaboración do maurismo coa Lliga Regionalista de Prat de la Riba e de Cambó durou até a Asemblea de Parlamentarios convocada por éste no 1917. Na Galicia non faltan os xoves mauristas que concorren nas Irmandades da Fala de 1916 e 1917, xerme da I Asemblea Nacionalista de 1918, mais axiña o integrismo español arrombou as tendencias galeguistas no colectivo.

Unha denominación tan pouco axeitada como “Día de la Raza” durou, porén, até 1958 na que foi substituída polo “Día de la Hispanidad”. A efeméride sempre estivo vencellada á reivindicación do nacionalismo español como alicerce do acervo común dos países latinoamericanos, sen oco nin concesión ningunha ás linguas e culturas da América precolombina nin á pluralidade nacional do Estado español.

Para moitos, no Estado e, sobre todo, na América Latina, conmemorar esta data como un motivo de orgullo ignora ou minimiza as consecuencias destrutivas da conquista e colonización para as poboacións indíxenas, como son a tráxica redución da poboación indíxena (que moitos alcuman de xenocidio) por mor de guerras, doenzas importadas da Europa e explotación económica e mailo sometemento e imposición cultural e relixiosa no prexuizo das civilizacións precolombinas.

“A denominación de ‘Día de la Raza’ é un termo anacrónico e racista, rexeitado pola maioría”

A denominación de “Día de la Raza” é un termo anacrónico e racista, rexeitado pola maioría. A denominación “Día de la Hispanidad” tamén se critica por glorificar un pasado imperialista, mentres que noutros países a data foi substituída por nomes como “Día da Resistencia Indíxena” ou “Día do Respecto á Diversidade Cultural” sinalando unha clara división de sensibilidades.

Por outra banda, o feito de que os actos centrais desta Festa sexan un desfile militar e un “besamanos” é visto por moitos como anacrónico nunha democracia moderna. Impresiona que a democracia nada da transición non celebre os valores cívicos nin a convivencia democrática, no canto da exhibición de forza militar ou de escenas de cortes pretéritas. O desfile, xunto coa forte presenza de símbolos vencellados á España unitaria , é un acto de españolismo centralista e excluínte, que non representa a pluralidade e diversidade territorial de España (nomeadamente en Catalunya, Euskadi e Galicia)

É normal, pois, que unha data tan inzada de contido colonialista, militarista e centralista non encaixe, xa non só, coa sensibilidade dos soberanistas galegos, cataláns e vascos senón tampouco coa sensibilidade de millóns de persoas que, definíndose españolas, non partillan contidos tan arcaicos e anacrónicos.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.