Ponteareas | O Concello de Ponteareas e o Concello de Salvaterra de Miño recibiron aos oito nenos do programa “Vacacións en Paz” organizado por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí co apoio da Xunta de Galicia.
A alcaldesa, Nava Castro, a concelleira de Servizos Sociais de Salvaterra de Miño, Lorena Soto, e a deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, recibiron no salón de plenos aos pequenos saharauís xunto á presidenta de SOGAPS e presidenta de CEAS (Coordinadora Estatal das Asociacións solidarias co Sahara), Maite Isla, e a delegada de zona de SOGAPS en Galicia, Concepción Fernández.
Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto. Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.
A Deputación e os concellos de Ponteareas e Salvaterra de Miño deron a benvida ás pequenas e pequenos saharauís e convidáronos a participar nas actividades e celebracións programadas, salientando a oportunidade de intercambio cultural e afectivo que supón para as familias.
A presidenta de SOGAPS salientou o importante apoio da deputada que este ano tamén viaxou aos campamentos e agradeceu a todas as familias que participan beneficiándose desta rica experiencia.