Un total de 13 proxectos do Mar aspiran a axudas do GALP Vigo-A Guarda

Proceden de Soutomaior, Baiona, Vigo, Nigrán, Moaña, Redondela e Cangas

Vigo | A xunta directiva do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda vén de aprobar a proposta definitiva de concesión de axudas da última convocatoria, tras superarse o período de alegacións, para 13 proxectos dos concellos de Soutomaior, Baiona, Vigo, Nigrán, Moaña, Redondela e Cangas. Agora, será a Consellería do Mar quen resolva a adxudicación destas axudas.

As iniciativas, seis de carácter produtivo e sete de non produtivo, axústanse á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) da entidade, coa que se busca mellorar a competitividade do sector, crear emprego, aumentar o valor engadido dos produtos pesqueiros, innovar na cadea de subministro, coidar o medio e promover a cultura mariñeira.

As axudas financiarán entre o 40% e o 80% do investimento a realizar nos proxectos produtivos. É o caso da iniciativa de Severino Casal, centrada na pescaturismo, que opta ao 80% de financiación pública. Con ela busca diversificar a economía local de Baiona á vez que revaloriza a cultura mariñeira e fomenta a pesca artesanal, a xestión sostible do medio ambiente e o consumo responsable dos produtos pesqueiros.

Entre os proxectos produtivos atopamos tamén, no mesmo concello, o de Veruela 2000 co que se quere crear un produto turístico baseado na práctica de deportes náuticos que se beneficie do patrimonio cultural, pesqueiro e marítimo da nosa ría.

A divulgación da riqueza medioambiental será unha peza fundamental para esta proposta, ao igual que para Nigrán Skate and Camps que promocionarán o coidado e a preservación do patrimonio medioambiental e cultural pesqueiro, acuícola e marítimo coa finalidade de reforzar a súa identidade territorial mediante a realización de actividades deportivas, náuticas e de formación específica con escolares, turistas e particulares.

Por outra banda, vencelladas á mellora do valor engadido dos produtos, sitúanse as iniciativas de HQ Seaweed, Frigoríficos de Vigo e Gandón. A primeira delas versa sobre a elaboración de produtos a partir de algas mellorando o seu envasado e etiquetado. No segundo caso, con este novo proxecto, Frigoríficos de Vigo pretende realizar melloras en materia de eficiencia enerxética e seguridade alimentaria, incorporando un compresor estacionario rotativo de aire ou unha cámara de videovixilancia.

Respecto á empresa canguesa, buscan mellorar a súa competitividade a través da dixitalización dos procesos de control de seguridade, a vixilancia das instalacións e a utilización de enerxías renovables.

Proxectos non produtivos
En canto ás porcentaxes de axudas aprobadas para os proxectos non produtivos, estas van desde o 90% ata o 100%. As que optan á maior porcentaxe son as de Asociación Mar Seguro de Galicia, que consiste na creación dun portal de emprego que axude á remuda xeracional no sector pesqueiro e facilite a incorporación de mulleres e xente nova.

Tamén está  a da Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer do Morrazo (AFAMO), que trata dun proxecto de intervención a través da cultura da música mariñeira co obxectivo de manter e mellorar as funcións cognitivas e as capacidades físicas e funcionais dos seus usuarios e usuarias, ademais da conservación do patrimonio inmaterial do mar.

Ligada tamén a este propósito, está a proposta da Asociación Mar da Pedra de Amigos da Gamelas sobre a recompilación de acepcións e termos en lingua galega sobre a navegación tradicional e de lecer.

Cos ollos postos no coidado do medio mariño, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) presentou a súa iniciativa para actualizar e poñer en marcha o Plan de Voluntariado de apoio á Rede de Varamentos e o Club Deportivo Salitre, desde Redondela, o seu proxecto para o desenvolvemento de actividades sostibles de ocio e culturais na Enseada de San Simón.

No tocante á administración, o Concello de Moaña concorre a esta convocatoria de axudas con ‘Moaña, un mar de mulleres’, un plan co que poñer en valor o traballo das mulleres no mar, visibilizando a súa contribución ao desenvolvemento do sector e ao patrimonio pesqueiro.

Pola súa parte, a Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo aspira a crear un Centro de Expedición na Nova Lonxa de Canido e a mellorar a comercialización dos seus produtos.

O GALP celebra a súa Asemblea Xeral
Este mércores pola tarde o GALP Ría de Vigo-A Guarda celebrou a súa Asemblea Xeral para presentar as accións desenvolvidas durante o ano pasado, así como o balance de contas. Púxose tamén enriba da mesa a relación de actividades a poñer en marcha este 2022 e déuselle a benvida a unha nova entidade socia, o Club Social Moaña Mar.