Un pacto polo galego?

Cadernos da viaxe.

Nesta semana das Letras foron varias as chamadas a un pacto pola nosa lingua dende moi diferentes posicións políticas e sociais. Fíxoo o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos no Parlamento, esixiuno o presidente da Academia Galega, Victor F. Freixanes no acto académico do 17-M de homenaxe á nosa Luisa Villalta e expresouno tamén como “grande pacto nacional pola língua” na grande demostración cidadá en Compostela de Queremos Galego do 17-M o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) Marcos Maceira.

Dende diferentes, mais complementarias perspectivas, Freixanes e Maceira salientaron a situación de “emerxencia” da nosa lingua diante da creba de transmisión xeracional e a grande cantidade de eivas e limitacións xurídicas e fácticas que mancan o seu uso.

Se o conselleiro de Lingua e o presidente Rueda queren que a cidadanía non os mire como parte do problema do galego compre que saiban ben do que falan cando falan de pacto pola lingua. Porque, como dixo tamén o 17-M a líder da oposición, Ana Pontón (BNG) non é posíbel acordo de país ningún sen a derrogación da prohibición do ensino das matemáticas e da física en galego, vixente dende o malfadado Decreto de plurilinguismo de 2010.

E onde poden estar os contidos que alicerzen un Pacto Nacional pola língua? De primeiras no último acordo unánime das forzas políticas galgas (PP, BNG e PSdeG): o Plan Xeral de Normalización aprobado polo noso Parlamento en setembro de 2004.

Lóxicamente depurado dos contidos que o progreso histórico e tecnolóxico amosou caducos. E tamén na legalidade europea, na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas que constitúe Dereito interno, sistematicamente vulnerado polos Poderes estatal e galego, como ten denunciado a eito o Comité de Ministros do Consello de Europa.

Da aplicación conxunta do Plan de Normalización de 2004-actualizado- e da Carta Europea (Plan e Carta que asumen as tres forzas parlamentarias galegas) si podería xurdir un Pacto Nacional pola lingua.

No ensino as súas esixencias proxectaríanse na derrogación das prohibicións do ensino en galego, garantindo de inmediato o mínimo do 50% de uso vehicular do galego do Decreto de 2007 e introducindo de xeito gradual, como propón a MNL, a necesaria inmersión no galego como lingua vehicular de todo o sistema educativo (público e concertado) que restitúa as graves limitacións de coñecemento e uso que reflicten as estatísticas a respecto das xeracións más novas, garantíndose a dotación de material pedagóxico e didáctico en galego en todos os níveis e áreas de coñecemento, dotación que non se garante na actualidade.

“O pacto habería tender tamén ao recoñecemento do uso oficial do galego no Estado e na Unión Europea”

O pacto habería tender tamén ao recoñecemento do uso oficial do galego no Estado e na Unión Europea e na progresión dos usos administrativos, sociais e empresariais. A Ordenanza lingüística do Concello da Coruña, confirmada na súa legalidade por unha recente sentenza do TSXG ratificada polo Supremo, demostra que existe un amplo campo xurídico para promovermos na progresión normalizadora das nosas Administracións municipais e-tamén- en todos os servizos públicos fornecidos por concesionarios e contratistas privados . Tamén no mundo empresarial en xeral.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.