Tribulacións e desventuras dun mestre de Escola.

Teño un amigo, mestre de Educación Física, que me contou unha anécdota vivida co pai dunha alumna ao cal, ata hai tres meses, non coñecía de nada. Por certo, o colega que me relatou a historia, segundo coñecidos que temos en común, parécese moito a min, tanto no físico, como na rixidez de esquemas mentais ou na intolerancia a un feixe de cousas, entre elas, á lactosa, á impuntualidade, aos jetas que se aproveitan da bondade dos seus compañeiros… e a un longo etcétera máis.

Tanto insisten no parecido que, ata eu mesmo, comezo a sospeitar que estamos en posesión de cerebros de corta pega, obtidos dunha matriz que descoñezo. Non coincido coa súa opinión, porén, hai probas que son irrefutables. Si eu me poño a dieta, el tamén perde peso. Si el toma unhas copas de máis, somos os dous os que sufrimos a resaca.

Relata a miña alma xemelga que, mentres almorzaba nunha cafetaría, achegouse a el un pai e bisboulle ao oído que si sería posible que na seguinte avaliación cualificara a súa filla coa máxima nota, porque segundo o seu criterio, a nena merecíao. Ante a estupefacción do que escoitou, quedou paralizado, e sen tempo para pensar, non se lle ocorreu mellor resposta que dicirlle que non se preocupase sobre o asunto.

“Relata a miña alma xemelga que, mentres almorzaba nunha cafetaría, achegouse a el un pai e bisboulle ao oído que si sería posible que na seguinte avaliación cualificara a súa filla coa máxima nota”

Unha vez superado o estado de shock, topouse de bruces coa realidade cando, casualmente, recibiu unha de tantas chamadas que lle fago a diario. No seu ton de voz percibín que algo viña de pasar.

—Atópaste ben? —pregunteille

—A verdade é que non.

A continuación comezou a contarme o que lle acababa de suceder. Cando rematou de relatar a insólita situación pola que tivo que atravesar, respondinlle:

—O mandarías á merda, non si?

—Equivócaste, foi tan inesperado, que non tiven tempo de procesar o que me estaba pedindo e a contestación foi a que che comentei. Nin lle dixen si nin non, simplemente que non se preocupase.

Acto seguido e como adoito facer, comecei a reprocharlle o seu proceder.

—Só a ti se che ocorre, pero que tipo de reacción é esa, en que planeta vives? Ante solicitudes, cuasi delitivas deste tipo, a túa resposta non pode ser outra que mandalo ao carallo sen contemplacións.

— Para xa, por favor! Que si, que tes razón! Colleume coa defensa baixa. A conta de que voulle poñer un 10? —afirmou.

—Vai preparando que dicirlle cando te atopes de novo co el —aviseille.

Dous meses despois, na mesma cafetaría, aparecéuselle o pai e cun certo aire de indignación, dille:

— Estou moi decepcionado contigo, prometéralle a miña filla que ía sacar un 10 en E.Física, nota que che pedín pola confianza que nos une.

A conversación, nesta ocasión durou un minuto, o tempo que lle levou mandalo á merda cunha educación exquisita á que, por outra banda, non me ten acostumado. Nin que dicir ten que, ao meu colega, ese día o almorzo non lle saíu gratis, como si acontecera o día de autos.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.