Traspaso da Escola de Cantería de Poio á Xunta de Galicia

Acordo formalizado polo presidente da Deputación, Luís López, co seu homólogo do goberno galego Alfonso Rueda

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, en presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes, acaban de asinar a acta de entrega á Comunidade Autónoma dos bens, dereitos e recursos persoais e materiais da Escola de Cantería de Poio.

“A primeira pedra dun novo camiño de éxito ponse hoxe aquí –asegurou o presidente provincial-. Con este traspaso á Xunta de Galicia atendemos unha reivindicación histórica do centro que non podíamos cumprir desde a Deputación: outorgar un título oficial á altura do nivel dos seus alumnos”. Deste xeito, a partir de agora a Escola de Cantería pasará a ser un Centro Integrado de Formación Profesional que será, en palabras de Luis López, “unha oportunidade de ouro para que se converta, aínda máis, nun referente en Galicia, España e tamén no estranxeiro”.

No acto, no que se deron cita o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez; e, entre outras autoridades, o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez, o presidente recordou os 44 anos de historia da Escola de Cantería e os traballos que os seus máis de 1.500 alumnos desenvolveron, deixando pegada en Galicia pero tamén en países americanos e Europeos e en lugares tan emblemáticos como a Sagrada Familia de Barcelona, a abadía de Westminster de Londres ou o Capitolio de Washington.

Tamén remarcou López na súa intervención todo o que gaña a Escola de Cantería e a provincia co traspaso á Xunta de Galicia: “reforzarase a oferta educativa para os alumnos con títulos oficiais; darase resposta ás demandas de persoal de sectores tan importantes para a provincia como o da construción, restauración ou rehabilitación; e tamén atraerá ao mellor talento ata Poio”.

O proceso de traspaso da Escola de Cantería á Xunta de Galicia comezou en xullo de 2022 coa sinatura do “Protocolo para a transmisión da titularidade da Finca de Lourizán e da Escola de Cantería á Comunidade Autónoma de Galicia”. En outubro dese ano comezaron as reunións da Comisión Mixta de seguimento do protocolo e no pleno ordinario da Deputación de abril do 2023 acordouse por unanimidade o traspaso. A partir de agora pasará a estar adscrita á Consellería de Cultura e Educación, transformándoa nun centro público docente dependente da Xunta no que se impartirá formación para a consecución dun título oficial.

A Escola de Cantería
A Escola de Cantería comezou a funcionar o 15 de xaneiro de 1979 nas instalacións do mosteiro de Poio con 29 prazas. Tres anos despois, en 1982, pasou a depender da Deputación de Pontevedra. No ano 1996 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Salvador de Poio cedeu a favor da Deputación unha extensión de terreo de 26.000 metros cadrados para a instalación da Escola de Cantería no lugar de Illa do Santo-Boa Vista e, tras aprobar o proxecto e adxudicar a obra para a construción do edificio en 1997, entrou en funcionamento no 2000.

A Escola de Cantería naceu co obxectivo de conservar e promover un dos oficios máis antigos de Galicia, o de cantería. Dende o seu inicio o centro formou a máis de 1.500 artesáns de pedra procedentes de Galicia, pero tamén doutras autonomías españolas e do estranxeiro.

Moitos deles deixaron pegada no patrimonio arquitectónico popular de Galicia, con numerosas esculturas en diferentes espazos do territorio, pero tamén chegaron pezas da Escola de Cantería a Brasil, Venezuela, Filipinas, Bolivia, Estados Unidos, Nicaragua, México, Arxentina, Uruguai, Chile, Cuba, Alemaña, Francia, Suíza, Romanía e Portugal. Ademais, os seus alumnos traballaron en proxectos tan emblemáticos como a restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, ou na Catedral de Santiago, a Abadía de Westminster en Londres e a Sagrada Familia de Barcelona.

Xuntanza co Team Farto
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, mantivo esta mañá unha reunión no Pazo Provincial co presidente do Team Farto, Abel Farto, e o seu director deportivo e tamén exciclista profesional Brais Dacal.

No transcurso do encontro abordouse a posibilidade de establecer liñas de colaboración e traballo conxunto con este equipo profesional feminino que se ten convertido no primeiro de Galicia que compite na división profesional europea UCI Continental.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.