Transicións turcas.

Un líder populista, tan popular como autoritario que leva dúas décadas no poder. Unha oposición variopinta pero unida circunstancialmente de cara a unhas eleccións presidenciais con visible cariz plebiscitario toda vez cuestionaban a transparencia do órgano electoral. Unha comunidade internacional ao vilo sobre o resultados dos comicios, especialmente por parte do eixe ‘atlantista’ de EE.UU e Europa, pendente do futuro dun país estratéxico e no que os seus medios de comunicación non se privaron de amosar as súas preferencias polo cambio político, reproducindo temores catastrofistas sobre o futuro da democracia. Respectando as enormes diferenzas existentes, non estamos falando de Venezuela senón de Turquía.

Así e todo, as eleccións presidenciais turcas celebradas este 14 de maio determinaron certos aires de polarización ‘á venezolana’. Este 14M, Turquía definía o seu futuro entre as expectativas dunha nova reelección do presidente Recep Tayyip Erdogan (69 anos) e a posibilidade dun cambio político encarnado no líder opositor Kemal Kiliçdaroglu (74 anos) Co 49,5% dos votos, Erdogan quedou ás portas dunha maioría na primeira volta (50%) obtendo o triunfo sobre o seu rival Kiliçdaroglu (44.9% dos votos) A polarización turca está servida de cara á segunda volta electoral prevista para o 28 de maio. Si, outro 28M decisivo.

O envite electoral non é banal porque hai moito de xeopolítica detrás destas eleccións turcas. E na perspectiva está tamén a guerra ucraína, na que Turquía é un país clave precisamente pola súa influencia dentro deste conflito como actor de intermediación entre as partes confrontadas. Mentres Turquía definía o seu futuro político (e para o interese occidental, a súa orientación xeopolítica) o presidente ucraíno Volodimyr Zelenski viaxaba por Roma, Berlín e París clamando polas “necesidades urxentes” enfocadas nunha ofensiva militar que non termina de definirse no terreo dunha guerra empantanada e estancada.

A importancia turca é significativa. Estamos falando dun membro estratéxico da OTAN que, con Erdogan no poder, virou cara unha política exterior máis autónoma co respecto ao ‘atlantismo’, achegándose ao eixe euroasiático de China e Rusia e trazando ao mesmo tempo unha política exterior de carácter global en Oriente Próximo, Asia Central, o Cáucaso, África e incluso América Latina, principalmente Venezuela. Un anatema para Washington e Bruxelas cando no cumio da OTAN de Madrid de xuño de 2022 sinalou como ‘perigosos inimigos estratéxicos’ precisamente a Beijing e Moscova. Continuando coas comparacións con Venezuela, ese viraxe euroasiático sino-ruso de Erdogan ten similitude con aquel realizado por Chávez e Maduro en Venezuela, peón estratéxico da esfera de influencia hemisférica de Washington polos seus recursos enerxéticos.

Ao mesmo tempo, a Erdogan lle pesa na balanza dunha xestión salpicada dun crecente autoritarismo de resgos mesiánicos que ameaza seriamente con cercenar os canais democráticos e os dereitos humanos. Como Chávez pero tamén como Trump, Lukashenko, Viktor Orban ou Putin, Erdogan é un claro representante desa categoría politolóxica que define a existencia de “réximes autocratizadores competitivos”, aqueles que procrean o autoritarismo baixo un manto de lexitimidade electoral. Pero tamén está a súa errática actitude ante a crise humanitaria suscitada do recente terremoto en Turquía e Siria, que ben pudo erosionar apoios para Erdogan, especialmente en sectores populares, berce fundamental dos seus apoios políticos.

“A vitoria pola minima de Erdogan fortalece o seu peso político pero deixa abertas interrogantes sobre o futuro de Turquía”

A vitoria pola minima de Erdogan fortalece o seu peso político pero deixa abertas interrogantes sobre o futuro de Turquía. Que Kiliçdaroglu lograra alcanzar a segunda volta supón un respiro para os intereses ‘atlantistas’, ansiosos de que Turquía volva ao seu redil occidentalizador. Non obstante, o histórico cambio político deste 2023 que tamén celebra o centenario da proclamación da República turca ‘kemalista’ aborda o risco de que este país euroasiático volva a inserirse nun período de atomización e volatilidade política que xa viviu durante a década de 1990, poñendo en xogo a súa estabilidade neste tempos xeopolíticos convulsos. Neste sentido, o contexto electoral confirma a polarización in crescendo que volve a instalarse na sociedade turca.

Esa volátil etapa política dos anos 1990 abriu as comportas para o ascenso dun líder popular como Erdogan, convencido da necesidade de imprimir unha hexemonía política que permitira un cambio de orientación xeopolítica para Turquía. Se ben Erdogan pode revalidar a súa presidencia, a polarización determinará o vindeiro período presidencial.

Compre, por tanto, preguntarse: de cara á segunda volta, estamos ante a posibilidade de asistir a un período que anticipe a aparición dun novo liderado cunha dirección política probablemente diferente ao ‘islamismo popular” e pragmático’ dun Erdogan que, nos últimos anos, non tivo reparos en adiantar unha alianza “contra natura” coa extrema dereita nacionalista turca para repartirse equilibrios de poder? Ou ben Turquía volverá a resetearse nun ‘neo-kemalismo pro-occidental’ tras dúas décadas de hexemonía “erdogiana” e nun contexto xeopolítico visiblemente diferente para Turquía?

O xornalista estadounidense Stephen Kinzer, ex correspondente no país euroasiático, chegou a prognosticar fai dúas décadas, pouco antes da chegada ao poder de Erdogan, que Turquía “podía ser un dos maiores éxitos do século XXI ou un dos seus máis sonados fracasos”. Ilustrativo e, ao mesmo tempo, enigmático prognóstico que pode tamén contribuír a definir o devenir deste actor estratéxico dentro das actuais relacións internacionais, cuxa influencia acompaña con peso decisivo o cambio de poder xeopolítico global que estamos observando neste século.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.