Traballadores recibiron formación especializada en prevención e seguridade laboral

Previsel recibiu ao redor de 3.000 visitas en Expourense

Ourense | Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, pechou as portas da súa 19ª edición logo de recibir preto de 3.000 visitas que participaron activamente no programa de actividades que ofrecía 50 accións formativas e que colgaron o cartel de completo durante dúas xornadas. Esta cita rematou coa tradicional entrega de placas ás entidades colaboradoras do evento e entre os que reúnen a todos os axentes involucrados na prevención e nas emerxencias: administración, empresas, sindicatos, colexios profesionais, servicios de urxencias e emerxencias e centros de Formación Profesional aos que este ano se sumaron colectivos sociais vencellados coa saúde dos cidadáns como a Asociación Española contra o Cancro ou a Asociación Diabética Auria. Ademais destacou a participación da BRILAT e da Policía Nacional.

Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias, fixo fincapé na importancia da prevención para evitar a intervención dos servizos de emerxencias e fixo un repaso polos acontecementos do último ano que foi especialmente duro para estes servizos que souberon estar á altura das circunstancias (apagón, vaga de incendios no mes de agosto, cadea de borrascas dos últimos meses…). Precisamente a Axencia Galega de Emerxencias, AXEGA, foi un dos expositores desta edición traendo ata o recinto unha bomba de achique de gran caudal, unha das poucas que hai en toda España, que participou nas emerxencias da DINA de Valencia e que ten a capacidade de achicar 50.000 litros de auga por minuto.

O director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, manifestou que “como organizadores do evento, supón unha enorme satisfacción ver a resposta sempre positiva recibida polas distintas administracións, asociacións empresariais, sindicatos, colexios profesionais e servizos de emerxencias cando se lles solicita colaboración para organizar Previsel. Queda patente o interese de todos os que hoxe nos acompañan para que as cousas se fagan ben, garantindo non só a seguridade do traballador, senón tamén a súa saúde e benestar laboral”.

O acto de clausura de Previsel serviu para recoñecer o traballo e a colaboración das corenta entidades que organizaron o programa de actividades. Todos eles contribuíron a demostrar que, para acadar o obxectivo de “sinistralidade cero” son básicos os conceptos de prevención e protección ao risco para eliminalo ou minimizalo que poñen no centro á figura do traballador e que garante empresas seguras e saudables. Nesta edición tamén se abordaron outros temas vencellados co benestar do traballador como os obradoiros de prevención do suicidio ou os de xestión do estrés.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.