Tomiño participará en foro internacional sobre territorios transfronteirizos

Será este 22 de xuño en París, coa presenza da alcaldesa Sandra González
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, co rexedor da localidade eslovena de Nova Gorica, Klemen Miklavič.

Tomiño | Sandra González, alcaldesa de Tomiño, intervirá o vindeiro 22 de xuño no Foro sobre Fronteiras organizado en París no marco do semestre da presidencia francesa do Consello da Unión Europea (UE) que finaliza este mesmo mes de xuño. A súa participación está prevista na mesa redonda que abordará o papel da mocidade e da sociedade civil na construción dos territorios transfronteirizos.

Para os organizadores, teñen especial interese as experiencias da Eurocidade Cerveira Tomiño no ámbito da participación pública, nomeadamente o Orzamento Participativo Transfronteirizo e as iniciativas das Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza.

O Foro decorrerá os días 21 e 22 de xuño na Cidade Internacional Universitaria de París e poderase seguir tamén online. Para a rexedora tomiñesa, que falará ás 14.30h do día 22, “é un orgullo representar aos veciños e veciñas de Tomiño nun foro internacional que se interesa pola cooperación que desenvolvemos na Eurocidade cos amigos portugueses de Vila Nova de Cerveira”.

Organizado pola asociación gobernamental francesa MOT (Mission Opérationnelle Transfrontalière), coa colaboración da Comisión Europea, o Comité Europeo das Rexións (CoR) e ESPON, o Foro ten entre os seu principais obxectivos “amosar o papel clave das áreas transfronteirizas na construción de cidadanía europea e as súas potencialidades para un desenvolvemento sustentable e inclusivo”.

O Foro busca ademais, segundo o recollido na súa páxina web https://bordersforum.eu,: “convencer as autoridades europeas e dos diferentes estados da necesidade de colocar estes territorios no corazón da súa acción pública”.

Teñen anunciada a súa presenza a Comisaria Europea de Cohesión, Elisa Ferreira; a Ministra francesa para a Transición Ecolóxica e a Cohesión Territorial; eurodeputados e gobernantes de distintos países, municipios e estados europeos; ou representantes da Association of European Border Regions (AEBR) e do Secretariado da Conferencia sobre o Futuro de Europa.

As prácticas de gobernanza participativa da Eurocidade Cerveira-Tomiño xa foron recoñecidas nos últimos anos como experiencias relevantes para a cooperación nos territorios de fronteira. Así, o Orzamento Participativo Transfronteirizo, instaurado en 2016, foi premiado en 2018 como unha das 5 mellores prácticas de Participación Cidadá en Portugal.

Pola súa parte, as Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza foron distinguidas como Boa Práctica en Participación Cidadá 2019 polo Observatorio Internacional da Democracia Participativa, entidade que agrupa 800 cidades, vilas e organizacións de todo o mundo Lembramos que hai unhas semanas, a alcaldesa asistiu na cidade eslovena de Nova Gorica, a un novo encontro internacional no marco do Proxecto BRIDGE, no que participaron tamén outros 11 socios europeos, coa finalidade de crear redes de cooperación en materia transfronteiriza e intercambiar boas prácticas.