Manuel Blanco/Lalín | O vindeiro día 12 de marzo, sábado, ás 11:00 horas terá lugar a presentación do documental etnográfico “Terra e tesón, historia do Museo Etnográfico Casa do Patrón. O acto correrá a cargo de Rafael Quintía Pereira, antropólogo director e guionista do documental, e Manuel Blanco Villar, xerente do Museo Casa do Patrón, contando coa asistencia de Valentín García Bóveda, encargado da producción. Tamén asistirán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, representantes do Concello de Lalín e outras autoridades, medios de comunicación, veciños e amigos do Museo.
Trátase dun documental de 90 minutos de duración, que conta unha historia de vida do verdadeiro milagre no rural galego chamado “Museo Etnográfico Casa do Patrón”, ideada, deseñada e executada íntegramente polo profesor e antropólogo Rafael Quintía Pereira, xunto co seu equipo, formado por Valentín García Bóveda e Yosune Duo, dun xeito totalmente libre e independente, sen ningunha inxerencia por parte do persoal da Casa do Patrón, que se limitou a manifestar as súas opinións persoais, contestando por separado ás preguntas que tiveron a ben formularlle sobre a visión da experiencia vital dos compoñentes este Museo.
A todos eles, moitas grazas por un traballo tan profesional, humano e obxectivo. Igualmente, agradecemos o apoio da Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen o cal resultaría imposible levar a cabo esta iniciativa, que tanto significa para a nosa Institución.
“A Casa do Patrón leva case tres décadas facendo historia neste recuncho da Galicia profunda”
A Casa do Patrón leva case tres décadas facendo historia neste recuncho da Galicia profunda e cremos que chegou o momento de que sexa contada dun xeito obxectivo polos seus protagonistas, porque en demasiadas ocasións a historia foi contada ou está escrita polos vencedores das guerras ou polos máis poderosos, distorsionando a realidade do acontecido. Iso é o que pretendemos evitar coa edición dos 16 libros e 5 vídeos xa publicados, que completamos agora con este singular documental de longa duración.
Aínda que na propia presentación se mostrará parte do contido do vídeo, a partir desa data, o vídeo farase público a través das redes sociais, para que poida ser visto integramente por todo o mundo.
Lembrar que dos moitos e grandes valores que ten a Casa do Patrón, o máis cativo e o menos relevante é o económico, que non é pequeno, tendo en conta os medios materiais e humanos empregados, así como os milleiros de horas de traballo e as montañas de ilusión invertidas, estando moi por enriba os seus demais compoñentes, como o histórico, o cultural, o espiritual, o simbólico, o didáctico, o sentimental e o humano.
Penso que pagou a pena terlle dedicado ao Museo todas as miñas horas libres, sacrificando fins de semana, festivos e vacacións durante media vida ao igual que fixo toda a miña familia, porque grazas a el coñecín a realidade profunda da nosa terra e das súas xentes (o seu xeito de vida, o seus máis fondos sentimentos, como pensan, e sobre todo o inmenso cariño que, ao igual que nós lle profesan a Galicia…)
Co esforzo de todos construímos algo novo baixo o sol, que xamais pode ser malo, porque está feito dende o corazón, que constitúe un verdadeiro espello no que poden mirarse milleiros de aldeas galegas para loitar con fe e ilusión contra o perigo real da súa extinción.