Teoría do Caos en tempos de guerra.

Non hai moito fun testemuña dunha agresión propia do imperialismo a pequena escala. Un cliente musculado declaroulle a guerra a persoa que facía máis levadeiro o meu mal despertar, si, ao camareiro do bar no que almorzo a diario. As potencias dominadoras buscan sempre a un inimigo débil, o máis propicio, o máis doado de someter, ao quen ninguén lle botaría unha man por moi machacado que estivese.

Este Conan, que como Obelix, caera na marmita da poción máxica dos esteroides anabólicos, buscou a súa gloria arremetendo contra un traballador que facía xornadas de 12 horas e só gozaba dun día libre á semana. Un tipo amable que serve co café e de forma gratuíta, un anaco de biscoito caseiro. Leva de forma estrita o lema de que o cliente sempre ten a razón cada vez que na televisión tratan temas que poden tocar a fibra intima dos alí presentes.

O detonante do estalido do conflito prodúxose o día no que, de xeito unilateral, o rapaz decidiu cambiar o biscoito caseiro por un sobao pasiego tan ben plastificado, que nin os que fabrican os DNI o plastificarían mellor. Don Ximnasio tomouno como algo persoal, como un sabotaxe que pretendía acabar co seu exército de ligamentos, músculos, tendóns e ósos, introducíndolle no seu organismo graxas trans.

Desempeñei labores diplomáticas para que a escalada do conflito non alterara a convivencia entre as diferentes sensibilidades que alí convivíamos nunha aparente calma. Ocorréuseme pedirlle un anaco de pan no lugar do sobao, crendo que actuaría como cortina de fume que desviaría a atención do conflito.

Non deu resultado, en lugar de calmar a súa irritación, pegou un puñazo na mesa acusando ao camareiro de querer exterminalo aumentándolle o colesterol LDL, para así provocarlle un ataque cerebrovascular. A cunca e o prato, coa potencia do impacto, saíron despedidos e escacharon unha vez que entraron en contacto co chan.

Os danos colaterais sufríronos os traxes dos empregados de banca que estaban a súa beira. A continuación abandonou o local, non sen antes ameazar con volver para liberar deste xenocida ao resto da clientela. Entre a xente que estaba almorzando había unha familia de refuxiados ucraínos, que asustados contemplaban aquel desaguisado. Un deles era Andriy Shevchenko, un científico de recoñecida fama por ser un dos que ideou a Teoría do Caos. Púxose a tremer despois de ver a escena.

“Explicounos que un cuñado seu, ex-axente da KGB e íntimo de Putin, comentáralle que o día que este decidiu atacar Ucraína, un dos seus mordomos serviulle un café con azucre, en vez de sacarin”

Explicounos que un cuñado seu, ex-axente da KGB e íntimo de Putin, comentáralle que o día que este decidiu atacar Ucraína, un dos seus mordomos serviulle un café con azucre, en vez de sacarina. No Kremlin era de todos coñecido que o presidente estaba a dieta por ter gañado moito peso, tras ser tratado con levodopa, debido a uns tremores que viña padecendo. Vladimir tomouno como se dunha tentativa de magnicidio se tratase. Solicitou que identificaran a orixe do servinte. Resultou ser un ucraíno procedente de Zaporiyia, que estaba substituíndo ao axudante de cámara titular porque este último, aborrecido da vida en palacio, decidira marchar ao fronte.

O de ser prorruso dende a súa infancia non o librou do pelotón de fusilamento. Putin, exasperado tras a tentativa de atentado, serviuse un vodka e logo outro e outro ata rematar a botella. Descolgou o teléfono e pouco despois caeron os primeiros mísiles en Kiev. Un detalle sen importancia como equivocarse de edulcorante acababa de ser o detonante do inicio dunha guerra.

Vendo a similitude que había entre ambos casos, o científico tivo un mal augurio e entrou en pánico. Entendera (comprendía o español con dificultade) que o malhumorado cliente prometera liberar os ucraínos do xenocida Putin, non do camareiro xenocida. Na súa opinión, un novo proceso do Efecto Bolboreta e a Teoría do Caos acababa de activarse. Segundo el, o musculado señor vestía unha chaqueta da marca Helly Hansen, que algúns fachas levan por coincidir o seu logo (HH) co saúdo Heil Hitler. Por debaixo, unha camiseta do Real Madrid o que aumentaba as probabilidades de ser membro dos Ultra Sur.

Para Shevchenko era unha sinal inequívoca de que se incorporaría no Batallón neonazi Azov, con máis ultras e mercenarios de todo o mundo. Obxectivo: asasinar ao presidente ruso. Xusto antes de cometer o atentado serían detidos e acusados polos servizos secretos de ser tropas dependentes da OTAN. Putin que se atoparía no seu despacho gozando dun Smirnoff, non dubidaría en coller o maletín nuclear que ten un feixe de botóns moi pegados os uns aos outros.  Co dedo índice apuntaría ben ao de cor branco, pero acabaría pulsando o vermello. Quedarían deste xeito, acreditadas as filtracións do círculo máis próximo ao presidente, que aseguraban que este padecía un Párkinson moi agresivo. A Terceira Guerra Mundial comezaría poucos minutos despois.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.