Seguridade en marcha para a Festa do Xamón da Cañiza

A Xunta Local de Seguridade acordou os mecanismos de actuación

A Cañiza | Esta mañá, ás 9:00 horas, celebrouse no Salón de Plenos do Concello a Xunta Local de Seguridade, copresidida polo Alcalde Luis Piña e o Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. A reunión contou coa presenza de representantes das forzas e corpos de seguridade, membros da corporación municipal e diversas autoridades estatais e locais.

Francisco Javier Martín Márquez, Capitán Xefe da Garda Civil da Compañía de Tui
Anxo Barros Monteagudo, vocal da Administración Xeral do Estado
Luis Iglesias Pascual, Subinspector da Policía Autonómica de Vigo
Santiago Pérez Díaz, Tenente, Xefe do destacamento de tráfico da Garda Civil de Porriño
Luis Antúnez Alonso, Comandante do Posto da Garda Civil de A Cañiza
As Tenentes de Alcalde María José Rodríguez González e Paula Bacelar Domínguez
Santiago Regueiro Souto, axente da Policía Local
Mario López Antuña, Secretario Municipal

A coordinación do dispositivo de seguridade para a vindeira edición da Festa do Xamón foi un dos puntos centrais da xuntanza. Confirmouse que o operativo está completamente deseñado e coordinado, incluíndo patrullas de seguridade cidadá, tráfico e Policía Local. Aplicarase o plan de circulación aprobado, co corte dun carril e circulación en sentido único na Carballeira, co fin de evitar colapsos na A-52 e nos accesos ao núcleo urbano. Tanto a Garda Civil como a Policía Local estarán presentes nas inmediacións para regular o tráfico e garantir a seguridade dun evento que se considera de carácter familiar, mais no que se manterá a vixilancia ante posibles incidentes menores como os roubos por carteristas.

Analizouse a evolución dos datos de criminalidade no municipio:
2022: 98 delitos
2023: 114 delitos
2024: 131 delitos

Este incremento atribúese maioritariamente ao aumento das denuncias por estafas telemáticas, un fenómeno en alza. Tamén se rexistraron actos vandálicos puntuais que, se ben impactan nas estatísticas, non reflicten un aumento real da sensación de inseguridade. A conclusión unánime foi que A Cañiza continúa a ser un municipio seguro. Destacouse tamén que sería importante aumentar as charlas aos maiores para evitar as estafas como as compras de colchóns, depuradoras de augas, aspiradoras ou os “abrazos amigos”.

Manifestouse especial preocupación polo risco de incendios debido ás actuais condicións meteorolóxicas. A operación Centinela Galego, do Exército, establecerá unha base operativa na Cañiza a partir do 14 de agosto, como punto estratéxico para a zona. A brigada municipal de incendios comezará a súa actividade a primeiros de agosto, e contarase tamén con patrullas a cabalo, xa operativas neste mes de xullo e reforzo da vixilancia por parte dos corpos de seguridade.

Detectáronse problemas recorrentes de estacionamento indebido e exceso de velocidade, especialmente na N-120. A colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local busca fomentar a prevención máis que a sanción, facendo un chamamento á responsabilidade cidadá.

Abordouse a problemática veciñal relacionada cos ruídos. O Concello comprométese a estudar a realización de medicións acústicas con equipos homologados, en colaboración con outros concellos ou coa Garda Civil.

O municipio conta con 16 casos activos rexistrados no sistema VioGén:
11 de risco baixo
5 de risco medio
0 de risco alto

Todos os casos son actualmente xestionados pola Garda Civil, dado que o Concello non dispón do número mínimo de axentes locais para adherirse directamente ao sistema. Recomendouse fomentar o uso de dispositivos de protección, como os teléfonos Cometa, tamén dispoñibles para vítimas de violencia sexual. Ademais, estudouse a posibilidade de que A Cañiza poida adherirse á aplicación “Te Autorizo”, unha ferramenta dixital do Ministerio do Interior que permite ás vítimas de violencia de xénero autorizar que persoas da súa confianza reciban alertas en caso de risco ou incumprimento das medidas de protección. Esta aplicación busca reforzar a rede de apoio das vítimas e facilitar a súa protección a través dun sistema áxil e coordinado coas forzas de seguridade. Reafirmouse o compromiso co Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos, centrado na prevención da violencia de xénero, acoso escolar e consumo de substancias. Tamén se reforzará a vixilancia nas contornas dos centros.

Segundo comentou o Alcalde Luis Piña “desde o Concello de A Cañiza valoramos moi positivamente a colaboración institucional e agradecemos o compromiso de todos os corpos implicados. A coordinación e a planificación conxunta son ferramentas clave para garantir a seguridade da veciñanza e o bo desenvolvemento de eventos multitudinarios como a Festa do Xamón”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.