A segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo entre Tomiño e Cerveira xa está lista

Educación e Cultura centran a maioría das ideas de cooperación entre Tomiño e Cerveira, que se poderán votar a partires do 20 de decembro

Tomiño/ Cerveira |  Xa están enriba da mesa as propostas de proxectos para levar adiante no programa de Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT). Para esta segunda edición, 12 entidades e dous cidadáns enviaron ata 8 propostas distintas de cooperación entre Cerveira e Tomiño.

Centrados en tres áreas de acción, a que máis achegas recibiu é a relacionada coa educación e a cultura. Como obriga as propostas debían de estar presentadas ao menos por unha entidade, asociación ou un veciño ou veciña de cada un dos dous concellos participantes, fomentando a colaboración transfronteiriza entre Tomiño e Cerveira dende o xermolo dos proxectos.

Agora, co prazo de presentación de propostas xa pechado, os proxectos pasarán a revisión técnica dos expertos. Tras un período de reclamacións e se non hai incidencias que resolver, a cidadanía poderá votar entre o 20 de decembro de 2017 e o 20 de febreiro de 2018 aquela idea que máis lle guste para que se leve adiante ao longo do vindeiro ano en ambos os dous concellos.

Nesta votación poderán participar todos aqueles cidadáns e cidadás que aparezan recollidos no censo electoral de Tomiño e Cerveira. O voto emitirase de xeito telemático a través da propia web do OPT co DNI de cada votante, que será cotexado por parte dos servizos municipais. En caso de que non se cumpran os requisitos o voto será declarado nulo. As ideas presentadas optarán a conseguir unha subvención aproximada de 5.000 euros para a execución do proxecto.

O Orzamento Participativo Transfronteirizo é un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que busca implicar á poboación de Cerveira e Tomiño na procura de solucións para necesidades comúns. Está incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.