Seguimos a voltas coa Educación.

Para non perderme no labirinto de noticias actuais sobre as que se pode escribir, vou centrarme no tema educativo que, ademais, é do que entendo algo.

Resulta obvio que todo xira arredor da educación, da formación, da información. Unha sociedade desinformada ou mal informada, que ven sendo o mesmo, resulta vítima propiciatoria de todo o balbordo ao que se ve asulagada.

Os que me teñen lido dende hai bastante tempo por estes lares lembrarán que para min é un tema recurrente a manipulación dos medios de comunicación. Sempre digo, e afírmome no dito, que os medios son tóxicos. Xa sabemos o que é un tóxico. Unha substancia que contamina o noso organismo ata que pode, nalgúns casos, rematar por destruílo.

“Sempre digo, e afírmome no dito, que os medios son tóxicos”

A nosa mente é ese organismo que se sente sometido a todo tipo de informacións cun sesgo moi determinante: manipular o nosa mente para que só acepte o que dende os medios lles facemos chegar.

Claro que isto así dito pode resultar para moita xente un atrevemento pola miña parte ou unha manía que se me meteu nos miolos. Nada máis lonxe da realidade. Isto é o resultado de levar 40 anos “metido entre costuras xornalísticas”, parodiando a María Dueñas. En todos estes anos que tomei conciencia de por onde ían os tiros da información decateime que no fondo resultaba corrosiva, tóxica, porque se desenvolvía como lle petaba nun terreo fertilizado: o terreno da incultura informativa; o terreo no que os propietarios do mesmo non se preocuparon por ter preparada a terra onde se ía meter para xerminar a semente informativa tóxica. Somos un campo fertilizado para que os grandes lobbys informativos (organismos creados e mantidos pola agrupación de determinadas persoas, empresas ou institucións con intereses comúns coa finalidade de influír ao seu favor, nas decisións que toma o Poder político) nos conten os seus contos de Caperuciña Vermella.

A esta xente non lle fai falla, aínda, a utilización da intelixencia artificial (a coñecida por IA) para conformar mentes e decisións. Iso téñeno aí a tiro de pedra, a unha carreiriña dun can. Pero, por agora, co sistema de control da información que teñen, coas técnicas de informar de todo para non dicir nada de nada, non precisan máis que seguir nesa línea de desinformación ou de información teledirixida.

Haberá quen opine que iso non ten por que pasar; que os lectores de prensa, os consumidores de radio e televisión saben ben o que lles interesa, saben distinguir o que é bo e o que é malo para as súas vidas. Craso erro. E dígollo eu que, como, indicaba nun principio, levo media vida longa metido nestes líos. Para verse ceibe da influencia daniña dos medios de comunicación é preciso dedicarlle moitas horas diarias e durante moitos anos, sempre, claro está, que ademais dispoñamos dunha formación cultural mínima para poder decatarnos de como pretenden influír na nosa maneira de pensar.

Para que se fagan unha idea da toxicidade da que lles veño falando teñan en conta que os propietarios dos grandes medios, das grandes cadeas de televisión e de emisoras de radio non están diante dos micros, están na sombra pero moi atentos a todo o que se diga e se informe.

Ramonet, un home de Redondela, experto en temas de comunicación (foi director de Le Monde diplomatique moitos anos) e que se dedica a escribir sobre estas cuestións, asegura que hoxe nos xornalistas que pasan a formar parte do cadro de persoal dun medio calquera, cando comenzan a súa andaina xa saben que non lle pagan por dicir o que realmente observan na sociedade. Saben que hai temas, os realmente importantes, dos que non se pode falar nin escribir. Se vdes,. amigos lectores, se toman a molestia de facer unha breve análise, como eu lles facía aos meus alumnos durante moitos anos, de como tratan un tema calquera dos que son noticia a diario, poderán comprobar como unha morea de medios, practicamente todos, van coincidir nos titulares de portada e nos titulares interiores das noticias de calado. Poñamos por caso a última Conferencia da OTAN en Madrid. Pola televisión puidemos decatarnos de que as cousas lle saíron ao goberno máis ou menos a xeito. Non imos nós caer na simpleza de calificala de “éxito rotundo”, pero si de un certo acerto na maneira de desenvolvelo en todo ese maramgnun de autoridades e de actos públicos.

Ben. Ata aquí cáseque todos de acordo. Ata o presidente do maior partido da Oposición (o Sr. Feijóo que todos por estes lares coñecemos ben) non lle quedou outro remedio que calificar de éxito os resultados da cita; non entanto, a renglón seguido xa se encargou de apostilar que foi un éxito, si, pero dun goberno partido en dous porque os membros do Grupo confederal de Unidas Podemos non acepta que se gasten cartos en armamento e pide que se gasten en axudar aos máis necesitados. Podería abrírselle o corpo para aceptar que resulta unha esixencia moralmente moi defendible, pero non foi así. Todos os medios que defenden os intereses do grande capital saíron en trompa con titulares que pretendían rebaixar o éxito da cita política máis importante a nivel global destes momentos. O Presidente Sánchez, viñeron a dicir, tivo un certo éxito, pero non foi quen de controlar o seu goberno. Como se “controlar” fora a función dun Presidente dun goberno de coalición no que conviven, pola súa propia composición, dúas almas diferentes en termos de preocupacións sociais.

Pero por se este posicionamento non fora suficiente para “darlle caña ao goberno”, o Sr. Feijóo di estar disposto a botarlle unha man ao presidente do goberno para sacar adiante os asuntos comprometidos nos que os membros máis a esquerda do goberno non están de acordo. Claro que, aquí está a trampa, sempre que Pedro Sánchez se desprende dos membros do goberno que non están de acordo con investir en armamento; ou sexa, sempre que Pedro Sánchez desfaga o seu goberno. A calquera cun mínimo de ética e de decencia política non se lle ocorre ofrecer “esa axuda envenenada”.

Pero, que opinan os lectores dos diarios estes días? Que escoitamos nos parladoiros das televisións e das emisoras de radio? Pois algo moi sinxelo: este goberno non pode seguir así; ten que cambiar de socios ou senon será criminalizado politicamente día tras día. Pero cales son as razóns de semellante comportamento? Acaso será porque conseguiron aumentar o soldo básico dos traballadores? Por que decidiron aumentar as pensións nun 2.5 % fronte ao 0,25% dos gobernos anteriores da dereita? Será, acaso, por que están falando de que as empresas que nos chupan o sangue por medio dos combustibles deben pagar máis impostos porque nesta situación complicada para a maioría dos españois, eles, as empresas, están gañando máis cartos ca nunca?

Non, obviamente trátase de crear nas mentes populares a idea de que hai que cambiar este goberno. Para que? Podemos preguntármonos. Para facelo mellor nese campo que antes citabamos? Non, non. Aos grandes lobbys non se lles pode tocar un pelo. Saben que o presidente de Iberdrola, aquel que dixo que éramos todos uns tontos por pagar a electricidade, gaña por semana 39 millóns de euros? Si, si. Non se escandalicen. E saben que a través da publicidade e das participacións nas empresas editoras estes gurús controlan os medios de comunicación nos que vdes. beben a diario o líquido elemento que a eles lles interesa que beban? A que non o saben, ou si?

Ben, pero todo isto que ten que ver coa educación, coa formación, con estar ben informado? Pois todo; absolutamente todo.

Se os lectores de xornais, os consumidores de televisión e de radio tiveran uns mínimos coñecementos de como funciona este mundo; se foran educados, formados, capacitados para desentrañar toda a estrutura na que se sosteñen as noticias que nos fan chegar cada día aos nosos fogares, estarían en condicións de separar o gran da palla; poderían decatarse de cando lla pretendían meter dobrada, de como están sendo manipulados, de como pretenden, de como conseguen que vexamos as cousas polo caleidoscopio que teñen preparado para nós; sen  posibilidades de que se abran as fiestras da  ilusión, dun  futuro real, solidario e xusto.

“Se os lectores de xornais, os consumidores de televisión e de radio tiveran uns mínimos coñecementos de como funciona este mundo; se foran educados, formados, capacitados para desentrañar toda a estrutura na que se sosteñen as noticias que nos fan chegar cada día aos nosos fogares, estarían en condicións de separar o gran da palla”

Para ir rematando e non cansalos demasiado atrévome a preguntar en alto: que tanto por cento de cidadáns deste País dos nosos pecados, dedica unhas cantas horas por semana (xa non pregunto por día) a informarse noutro tipo de medios (xeralmente os que son responsabilidade dos xornalistas que van quedando no paro e que se organizan co apoio dos que queremos [eu cóntome entre eles] coñecer a realidade dende outros ángulos, sen interferencia interesadas), medios nos que os xornalistas poden escribir o que ven, o que observan, sen que lles diten como teñen que facernos chegar esa información.

E non estou dicindo que sexan infalibles, que non se equivoquen, non. Digo que eses medios fannos chegar outra visión diferente á oficial; á que todos din amén, que así sexa. Lembran o catecismo do Padre Astete? Aquel que tivemos que estudiar de pequenos? Claro que só os que levamos moitos anos peiteando ruzas; os novos non tiveron que pasar ese calvario.

Se nos centros de ensino (aquí teño que tirarlle das orellas aos meus colegas) ao mesmo tempo que se tenta conseguir o interese do alumnado sobre os temas de estudo, tamén se considera necesario preparar os futuros cidadáns, os futuros responsables da nova sociedade que vai nacendo cada día, para que non puideran ser manipulados, outro galo cantaría.

Pero non é así. Dos institutos e das universidades saen alumna/os brillantes nas distintas materias de estudo; sen embargo, atrévome a afirmar, non saen así de preparados para enfrontarse ao mundo no que se van ver asulagados dende o punto de vista informativo.

As chamadas redes sociais (algo que antes non existía) son unha interminable fonte de noticias. Noticias vagas, noticias que tentan resultar simpáticas e opoñentes a outras que tamén aí se publican. Pero a penas  se ven análises de fondo; cuestionamentos do que sae nos medios. Só se citan como fonte de información e de formación  e, precisamente aí é onde está o perigo. Non se discute a verdade ou mentira, só se resposta a favor ou en contra pero.. por que? Por que non estamos de acordo? Que sabemos do tema para poder opinar? O que nos contan os demais contertulios que se informaron polo que saiu nos meios de turno?

É como unha noria. As noticias van dando voltas polos medios de información pero sen que ninguén tente modificalas, descualificalas, mostrar o seu verdadeiro rostro. Para iso resulta necesario ter moitas horas de voo; terlle dedicado moitas horas de estudo, de reflexión, de beber en fontes diversas para contrastar e poder chegar a unha conclusión medianamente aceptable.

Isto non se fai nos centros de ensino. Os profesores respostan que poden ser cuestionados polos pais de alumna/os porque denunciarían o que eles entenden unha manipulación dos seus filla/os, cando en realidade se trataría de fornecelos coas ferramentas necesarias para que non foran manipulados na medida en que se van adentrando neste mundo de voitres informativos.

Ben, non sei se fun quen de espertar nos lectores unha chispa de curiosidade para darlle un cambio a maneira de enfrontarse ás noticias de todos os días. Créanme que o fixen o mellor que nestes momentos se me ocorreu. Claro que se volvo a comenzar a miña “homilía” talvez me sairía doutro xeito, pero seguro que ía na mesma dirección.

Saúdos a todos; que  vdes, o lean ben. Non se deixen enchoupar pola mormaceira informativa que cada día nos vai mollando pouco a pouco sen que nos decatemos de verdade. Teñan sempre un chuvasqueiro a man para liberarse e non ser asulagados neste mundo de mentiras e medias  verdades.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»