Saúde e deporte para a integración en Salceda

O Club Baloncesto Salceda organiza xornadas abertas ao público

Salceda de Caselas | O Club Baloncesto Caselas, en colaboración co Concello de Salceda de Caselas, a Federación Galega de Baloncesto (FEGABA), o seu patrocinador Motherson e a Deputación de Pontevedra, organiza a I Xornada de Integración e Saúde no Deporte, un ciclo de charlas de carácter transversal dirixido a xogadoras e xogadores, adestradoras e adestradores, familias do club e tamén aberto ao público xeral.

A xornada celebrarase este sábado 20 de decembro de 2025 e a participación será totalmente gratuíta, con prazas limitadas. A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, quixo trasladarlle os parabéns ao CB Caselas pola organización desta ambiciosa xornada que pon a Salceda no centro da integración e a saúde no deporte. “O CB Caselas é un exemplo de traballo constante a prol da comunidade, e esta xornada é unha nova mostra dese bo facer e desa capacidade de traballo”.

O CB Caselas entende o deporte como moito máis ca competición. É unha ferramenta educativa, social e integradora que axuda a formar persoas, non só xogadoras e xogadores. Con esta I Xornada de Integración e Saúde no Deporte queren abrir o club á veciñanza, compartir coñecemento e reflexionar xuntos sobre a importancia da saúde física e emocional, da igualdade e da inclusión no ámbito deportivo.

En palabras de Alfredo García, Presidente do club, “para nós é unha satisfacción contar coa colaboración de profesionais e referentes de primeiro nivel, así como co apoio das institucións e entidades que fan posible esta iniciativa. Agardamos que esta xornada sexa o inicio dun camiño no que o deporte siga sendo un espazo de encontro, aprendizaxe e valores para toda a comunidade de Salceda de Caselas”.

A actividade dará comezo ás 9:30 no ximnasio do CEP Altamira, onde o adestrador de baloncesto e psicólogo do R.C. Celta de Vigo, Rubén Domínguez, ofrecerá unha charla sobre xestión emocional no deporte, dirixida exclusivamente ás xogadoras e xogadores do C.B. Caselas.

Posteriormente, a xornada trasladarase ao Centro Social da Devesa, onde a partir das 12:30 se desenvolverán tres conferencias e unha mesa redonda participativa aberta ao público. A dietista-nutricionista e doutora en ciencia dos alimentos Laura Coto, especializada en nutrición pediátrica e clínica, abordará a importancia da alimentación en mozos e mozas que practican deporte.

A seguir, Miriam Vera, copiloto de rallies natural de Salceda e campioa absoluta de España en 2022, compartirá a súa experiencia como deportista no esixente mundo do motor.

Pechará o ciclo de conferencias Susana García, referente histórico do baloncesto feminino español, ex xogadora do Celta e da Selección Española, adestradora da selección U20 campioa de Europa, axudante da selección absoluta (prata mundial e diploma olímpico en Pequín) e actual vicepresidenta terceira da FEGABA e secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado, quen fará un percorrido por unha vida dedicada ao baloncesto.

A xornada concluirá cunha mesa redonda aberta á participación do público, fomentando o diálogo e o intercambio de experiencias arredor do deporte, a saúde e a integración.

As persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través dos formularios habilitados para xogadoras e xogadores do C.B. Caselas e para o público xeral accedendo á páxina web do propio club.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.