Sarria acolle a exposición “NO CAMIÑO. As imaxes que viron os peregrinos”

Realizada polo Colectivo Egeria
Imaxe da exposición na localidade lucense de Paradela.

Sarria | Era unha vella teima do Colectivo Egeria: unha exposición que conxuntase fermosas creacións literarias de grandes poetas lucenses (Señores da Palabra) con excepcionais fotografías antigas de artistas coñecidos ou anónimos (Señores da Luz), para obter un abano de impactos dos itinerarios a Compostela que puidese titularse OS SEÑORES DOS CAMIÑOS, que por fin crristalizou na mostra que quedou titulada NO CAMIÑO de xeito que os protagonistas non resulten ser só escritores e fotógrafos, nin os creadores da mostra, senón tamén –e moi especialmente – os que están no Camiño, viven nel, percórreno, e cada día o manteñen vivo.

As fotografías
Son 127 as instántaneas que recolle a exposición, seleccionadas por Eduardo Rodríguez Ochoa, destacado fotógrafo e investigador da imaxe, responsable de fotografía do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá de Lugo.

Trátase de fotografías dunha grande expresividade e fermosura, de grandes fotógrafos internacionais como Walter Ebeling, Loty, Ksado, Jean Laurent ou Joseph Sellier… ou dos lucenses Luis Rueda, Vega, Luis Belló ou S. Castro Freire; e aportacións singulares de Julio García Paz (Baleira), Manuel López Vila (Portomarín) e, desde logo, o excepcional caso de Foto Pereira (Portomarín), nonaxenario historiador gráfico da morte do vello pobo e do nacemento do novo Portomarín.

Parte das fotografías foron cedidas, e así se fai constar o agradecemento na exposición, polos xornais El Progreso e La Voz de Galicia, Museo Provincial de Lugo, Diocese de Lugo, Arquivo Histórico Provincial, Arquivo municipal de Lugo, e Concellos de Guntín, Lourenzá, Palas de Rei, Paradela, Ribadeo, Samos, Triacastela e Monterroso, así como ao Instituto de Estudos Chairegos.

Faise agradecemento expreso a particulares que aportaron imaxes: Juan Cancela (Lugo), Manuel Santamariña (Guitiriz), Manuel Curiel e Juan José Molina (Fonsagrada), Alberto López Sánchez (Guntín), Alfonso Riveiro (Baleira), Gerardo L.Méndez, J. Luis Fernández Ansedes e Ricardo Fernández Rodríguez (Mondoñedo), María José Gómez Alvite (Monterroso), Antonio Gregorio (Ribadeo), Xaime Félix López Arias (Sarria), Miguel Ángel Fernández López (Triacastela), Julio García Paz (Baleira), Manuel López Vila (Portomarín), José López-Foto Pereira (Portomarin) cunha lembranza especial a Manuel Urbano Barrio, recentemente falecido en Lugo.

Na exposición figuran 45 fotografías da capital lucense; 11 de Ribadeo; 9 de Vilalba; 8 de Guitiriz; 7 de Sarria; con 6, Mondoñedo e Portomarín; con 5, A Fonsagrada; 4, Samos e Lourenzá; Baleira, Castroverde e Paradela con 3; con 2, Pedrafita, Triacastela, Guntín, Begonte e Palas de Rei, e con 1, Abadín, Friol e Monterroso.

Os anacos literarios
Complementan as fotografías un total de 19 anacos literarios dos que 17 son de autores lucenses: Manuel María, Xavier Rodríguez Barrio, Baldomero Iglesias-Mero, Lorenzo Varela, Ánxel Xohán, Xulio L. Valcárcel, Chao Ledo, Lois Diéguez, Manuel Rodríguez López, Xosé Miranda, X.M. Díaz Castro, Alvaro Cunqueiro, Xosé Otero Canto, Xesús Rábade Paredes, Luis Pimentel, Xosé Lois Garcia e Claudio Rodríguez Fer. Xunto a eles, o ourensán do Irixo, Cesáreo Sánchez Iglesias, imprescindible cando se fala da fnte da súa Praza do Campo (“Nesta praza anterior á imaxe, a auga é un verso longo e só”) e o tamén ourensán Lamas Carvajal cando se trata da muralla (“ten unha antiga, forte muralla / que está agardando que unha batalla / os seus nemigos lle veñan dar”.

A exposición
Comisariada por Eduardo Ochoa (fotografía) e Xulio Xiz (textos), a mostra segue unha línea visual-argumentl nos seus vinte paneis para reflectir a vida arredor dos peregrinos neste tramo lucense, moi pretoxa de Compostela.

Partindo dunha inicial achega ao impactovisual da nosa terra (AS IMAXES), 6 paneis reflicten o encontro DE CAMIÑOS E PEREGRINOS co feito de camiñar (UN PASO ADIANTE), a vida que rodea o Camiño (AOS LADOS, A VIDA), o contraste das paisaxes (DO URBANO E DORURAL), os rigores a sufrir (DURO CAMIÑO), o progreso (A AXUDA DA TÉCNICA) ou o que chegou a chamarse “o Cristo dos tempos modernos”(OS CAMIÑOS DE FERRO.

3 paneis fálannos de xentes e de vida que sempre o Camiño encheron, xa pola actividade (DO TRABALLO E DO LECER), a relación (DE FEIRA E DE FESTA), ou a relixión (A FORZA DA FE).

2 paneis refírense a DE MUROS E VALADOS, tanto da capitalina A GRAN MURALLA como as outras divisorias que van MARCANDO LINDES.

4 paneis do apartado SOMOS PEDRA, evidencian ánsia de permanencia, tanto nas do ámbito relixioso –AS PEDRAS DE DEUS- como ás que aos homes representan –OLLANDO ETERNIDADES-, as do poder –AS PEDRAS DOS HOMES- ou as que desafían ao tempo –MARCANDO DISTANCIAS.

Remata a exposición con tres paneis que proclaman que HAI TANTO TEMPO ( con imaxes na que seguen as pedras pero MUDAN AS XENTES, e outras que polo paso do tempo –IMAXES IRREPETIBLES- xa son historias só no recordó e nas imaxes), e por fin, A VIDA SEGUE, seguindo as plabras de ClaudioRodríguez Fer neste “bosque abrollado do río” que Lugo foi “nas orixes perdidas no tempo”.