Santiago celebrará o II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño

No Monte do Gozo do 19 ao 22 de outubro

Santiago de Compostela | Santiago de Compostela acollerá o Segundo Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño, un evento que terá lugar entre o 19 e o 22 de outubro baixo o lema “Asociacións. Memoria e futuro”.

Un encontro organizado pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, o Xacobeo e Turismo de Galicia. A falta dun mes para o evento, xa se interesaron por este congreso preto de 800 persoas e, segundo o ritmo de inscricións rexistrado ata o momento, todo apunta a que se superarán amplamente o medio milleiro de amantes dos Roteiros Xacobeos.

Unhas cifras que supoñerían practicamente duplicar os resultados da primeira edición, celebrada en 2015 en Compostela e na que participaron preto de 300 integrantes de asociacións procedentes dos cinco continentes. A día de hoxe xa teñen confirmada a súa presenza agrupacións de América do Sur, Estados Unidos e Asia, ademais da gran maioría das entidades españolas e un bo número do resto de Europa.

Todas elas daranse cita do 19 ao 22 de outubro no Monte do Gozo para debater, asistir a conferencias e mesas redondas e participar en sesións de traballo. Programación A cita comezará o xoves 19 de outubro coa recepción dos asistentes, a presentación das institucións de apoio e o acto inaugural, que incluirá a conferencia do director da Cátedra do Camiño da Universidade de Santiago, Miguel Taín, sobre ‘O Santiago do altar da catedral’.

Trala conferencia, terá lugar un cóctel de benvida. A xornada do venres 20 de outubro dará comezo coa benvida ás sesións de traballo e os saúdos institucionais. Haberá tres mesas redondas. A primeira delas versará sobre Europa e estará coordinada polo escritor e ensaísta Javier Leralta, gañador de premios como o Ortega e Gasset.

A media mañá será a quenda da mesa redonda centrada en España, baixo a coordinación de Juan Caamaño Aramburu, amante do Roteiro e autor do libro ‘Peregrinacións por mar a Compostela’. A terceira mesa redonda do día coordinaraa a director da área de Cultura da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul, baixo o título “Patrimonio Cultural”. Ademais, os asistentes poderán asistir ás presentacións de boas prácticas das asociacións do mundo e a unha presentación da catedral de Santiago.

O sábado 21 de outubro os amantes do camiño que asisten a este Encontro Mundial atoparanse cunha intensa xornada que comezará cunha mesa redonda sobre América coordinada polo experimentado peregrino e escritor Alberto Cacharrón.

A completa axenda seguirá coa presentación dos Países Baixos, a cargo de Peter Hesseling, presidente da delegación holandesa. Unha nova mesa redonda sobre Hospitalidade, coordinada por Manuel Oliva Vicedo, responsable de Hospitaleros Voluntarios da Federación Española de Amigos do Camiño. Antes do xantar participará no encontro o director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de Cámpaa, quen impartirá unha conferencia titulada ‘O movemento asociativo no mundo’.

Xa pola tarde haberá unha sesión de traballo de boas prácticas con Europa Compostela e a Federación Europea de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que dará paso á emisión da película ‘Lle Chemin de Saint Jacques’, rodada no ano 1952 e que será presentada pola medievalista Denise Pericard-Mexa, do Institut de Recherche Jacquaire.

A conferencia de clausura correrá a cargo de Manuel Castiñeiras, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago da Xunta de Galicia, que falará sobre ‘O presente eterno: a arte do Camiño de Santiago como experiencia milenaria’. O acto de clausura poñerá fin ao Encontro Mundial pero non será o remate definitivo xa que o domingo 22 de outubro, ás 9:00 horas, os participantes partirán camiñando desde Monte do Gozo ata a catedral compostelá para acudir á Misa do Peregrino e dar xa por concluídas as actividades.