Sánchez en Kiev.

“Rusia é o agresor e só Ucraína pode establecer os termos e prazos para as negociacións de paz”. Así de contundente presentouse en Kiev o pasado 1º de xullo o presidente de goberno español Pedro Sánchez, inaugurando diante do seu anfitrión Volodymir Zelenski a presidencia semestral española na UE. Un Zelenski que aproveitou a visita para denunciar que os seus aliados occidentais están ralentizando a axuda destinada a fortalecer a forza aérea ucraína.

As declaracións de Sánchez e Zelenski non deben ser medidas unicamente como meros ecos do discurso oficial occidental en torno á guerra ucraína. Existen variables que darían a entender un novo contexto neste conflito. Mencionar a posibilidade de “negociacións de paz” e establecer os termos necesarios son aspectos que evidenciarían que, eventualmente, xa se deron a cabo pasos indirectos nesa dirección.

Con todo, a política ‘otanista’ está enfocada en evitar calquera posibilidade dunha negociación directa entre rusos e ucraínos, sexan estas co aval chinés, do presidente brasileiro Lula ou doutros aliados de Moscova como Sudáfrica ou India, no que Washington quede eventualmente fora.

“A administración Biden dita as regras mentres Bruxelas (…) encarrégase de enviar armamento”

A administración Biden dita as regras mentres Bruxelas (tanto como sede da OTAN como da UE) encarrégase de enviar armamento que, vistas as críticas de Zelenski, demostran as distorsións nesa axuda militar. Isto revela onde está unha das principais debilidades ucraínas que, ó mesmo tempo, recoñece a magnitude dunha das fortalezas rusas: a súa forza aérea. Todo isto planea dentro dun conflito militarmente atascado, esgotado e sen avances nin retrocesos. Velaí que, visto o seu impacto na economía global, Kiev e Moscova poderían estar dando algunhas sinais sobre a necesidade dunha negociación, sexa de paz ou armisticio.

A visita de Sánchez a Kiev vén tralo impasse do surrealista desafío golpista de Prigozhin-Wagner a semana pasada, onde Occidente agardou con ansias a posibilidade dun cambio de réxime en Moscova que debilitara as posicións rusas na guerra ucraína. A visita precede ao cumio da OTAN de 11-12 de xullo en Vilnius (Lituania) que decidirá a elección dun novo secretario xeral. E xa no plano político interno, Sánchez en Kiev abre a súa axenda internacional de cara ás eleccións xerais do 23-X, onde os recovecos dos pactos PP-VOX a nivel autonómico presaxian os ensaios previos orientados a un posible cambio de goberno na Moncloa.

Paralelamente, o Kremlin move fichas vía Bielorrusia para afrontar unha nova etapa nun conflito pendente dos alcances dunha suposta contraofensiva ucraína que non se sabe ben se xa comezou, se ten efectividade ou se francamente estamos ante un fracaso militar. Hai certo desespero ‘mediático’ en Occidente con esa “contraofensiva ucraína”. Con Putin movendo posicións co seu aliado bielorruso Lukashenko e cunha nova versión dos Wagner (con ou sen Prigozhin) agora dende territorio de Bielorrusia máis acorde cos intereses ‘putinianos’ e que poden abrir unha nova fronte na guerra, a OTAN agarda que Kiev avance posicións o máximo posible antes da chegada do inverno, cuxas condicións atmosféricas precisamente condicionarían calquera posibilidade de avance militar.

Tampouco debemos esquecer que temos en perspectiva un 2024 electoral en Rusia, Ucraína e EE.UU. O estado da guerra obviamente exercerá a súa influencia electoral en Moscova e Kiev. Pero non sabemos con certeza como asumirá a opinión pública estadounidense o feito de verse inmersa nunha carreira electoral presidencial cunha guerra ucraína que, se ben distante, tamén encarece a vida dos estadounidenses.

“Un Sánchez que en Kiev pareceu tamén suxerir que está listo para asumir responsabilidades a nivel  internacional”

Se ben Washington non participa militarmente de xeito directo en Ucraína como si o fixo en Afganistán (2001) e Iraq (2003), faino indirectamente vía OTAN. E os compromisos con Zelenski son aparentemente firmes: “Ucraína nunca será unha vitoria para Rusia” chegou a dicir o presidente Biden. Pero co espectro da volta de Donald Trump (ese ‘amigo de Putin’) para desafiar as expectativas de reelección de Biden en 2024, o panorama vóltase imprevisible na Casa Branca. Tan imprevisible como o que pode suceder o vindeiro 23-X electoral en España en relación ao futuro político dun Sánchez que, en Kiev, pareceu tamén suxerir que está listo para asumir responsabilidades a nivel  internacional en caso de verse truncada a súa reelección na Moncloa.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.