Sánchez en China.

A visita a Beijing de Pedro Sánchez este 30-31 de marzo para reunirse co seu anfitrión Xi Jinping dentro do plan de paz chinés para Ucraína debe observarse no seu debido contexto, sen estridencias. Supón unha relevante toma de contacto de Xi con quen presidirá a Unión Europea a partir do vindeiro 1º de xullo e durante o segundo semestre de 2023, tempo que pode resultar clave para definir unha posible saída negociada á guerra ucraína.

En 2022 China converteuse no cuarto socio comercial español. Debe igualmente mencionarse que a visita de Sánchez está enmarcada no 50º aniversario do establecemento de relacións diplomáticas entre Madrid e Beijing así como neste 2023 definido como o ano da cultura e do turismo China-España. Nun mundo cambiante que comeza a definir o epicentro de poder en Asia-Pacífico, España non pode quedar ao marxe pero tamén debe asumir con asertividade cal é o seu verdadeiro peso e como é observado en China.

Para Xi, a súa movida é estratéxica dentro do complexo e tenso taboleiro internacional. Tras lograr con éxito a reconciliación iraniano-saudí co retorno de relacións diplomáticas tras tres anos de ruptura (con amagos incluso de confrontación militar), Beijing traza agora os seus obxectivos en erixirse nun interlocutor eficaz para sentar negociacións en Ucraína.

Por outra banda está Joseph Biden, moi pendente de que a movida diplomática chinesa termine coartando a deriva atlantista europea fortalecida con esta guerra ucraína, a favor unha interpelación aos actores euroasiáticos, con China como mestre de cerimonias. Isto explica a acritude de Washington ante o plan de paz de Xi, acusando a Beijing de armar ao seu aliado ruso mentres fala de paz.

A petición de Sánchez a Xi de sentarse co presidente ucraíno Volodymir Zelenski debe observarse como unha iniciativa de Biden orientada a contemporizar (e probablemente coartar) o plan de paz chinés. Convidando a Sánchez a Beijing, Xi tamén traza outra iniciativa estratéxica; tentar atraer a Europa vía Sánchez a este plan de paz, interpelando a Sánchez como actor relevante. Un tratamento radicalmente distinto das infrutuosas tentativas de Sánchez de retratarse con Biden antes da guerra, con situacións surrealistas como aquel “cumio dos 30 segundos” abordando á carreira ao mandatario estadounidenses nos pasillos en Bruxelas en 2021. O Cumio da OTAN en Madrid do ano pasado significa, para o presidente do goberno español, un mínimo éxito definido polas circunstancias e as necesidade de “pechar filas” en torno a Ucraína.

“Convidando a Sánchez a Beijing, Xi tamén traza outra iniciativa estratéxica; tentar atraer a Europa vía Sánchez a este plan de paz”

Cunha guerra entrampada en posicions militares con escasos avances no terreo e ante a conexión de Putin vía Bielorrusia para despregar armas nucleares tácticas coa finalidade de asegurar unha fronte defensiva ante as expectativas dunha posible ofensiva de Ucraína co apoio da OTAN, Sánchez e Xi se implicaron nun diálogo que pode abrir as comportas para un entendemento sino-europeo máis alá dos imperativos estratéxicos de Washington.

A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, tamén viaxará a Beijing para sondear esta pax sinica en Ucraína nun contexto non exento de tensións nas relacións sino-europeas trala visita de Xi a Putin.

Pero para Sánchez tamén hai outra ecuación, máis de calado electoral neste decisivo 2023: este notable éxito internacional en Beijing, lle servirá para asegurar os votos necesarios para seguir un período de goberno máis na Moncloa? E tamén na perspectiva ‘atlantista’, como equilibrará agora a súa relación con Biden tras este súbito affaire oriental?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.