Salceda de Caselas | O concello de Salceda de Caselas vén de por en marcha unha iniciativa pioneira que consiste na cardioprotección integral do municipio mediante unha rede de desfibriladores de uso público situados tanto en diferentes edificios municipais como nas diferentes parroquias.
A iniciativa xurdiu a raíz dun delicado episodio, que por sorte rematou con final feliz, cando unha persoa usuaria dun centro de adestramento ubicado no casco urbano, entrou en parada cardíaca e conseguiu recuperar a súa vida grazas á rápida intervención das testemuñas que o presenciaron empregando un DESA municipal (Desfibrilador Externo Semi-Automático) e realizando manobras de Reanimación Cardio-Pulmonar (RCP).
A relevancia deste episodio espertou unha especial sensibilidade sobre a importancia de cardioprotexer o municipio, iniciativa na cal o Concello de Salceda de Caselas leva traballado nos últimos anos coa adquisición de sete DESAs para ubicalos nas instalacións municipais de maior concorrencia de persoas. Precisamente un destes dispositivos, o situado na Casa do Concello, foi esencial para que o episodio acontecido no centro de adestramento non tivese un tráxico final.
Dende o Concello de Salceda de Caselas pretenden agora poñer o foco na cardioprotección dos núcleos rurais das sete parroquias, onde a axuda médica tardaría máis en chegar e o tempo de resposta ante unha situación de parada cardíaca é crucial. Porén, nace o programa ESTELA en honra a Estela Simón, médica e veciña de Salceda de Caselas, da cal xurde a iniciativa de formar ás persoas das parroquias en primeiros auxilios e manexo de DESA. Esta iniciativa, pretende ademais aumentar a dotación de DESAs en instalacións municipais e sobre todo chegar ás parroquias.
Precisamente por isto involucrouse ás comunidades de montes, que adquiriron tamén desfibriladores para que estean instalados nas diferentes parroquias a disposición da veciñanza en caso de urxencia. Así mesmo, o Concello adquiriu tres novos dispositivos incluídos nos Orzamentos Municipais dos cales un estará dispoñible as vinte e catro horas do día na Praza do Concello, por ser unha ubicación céntrica e accesible para toda a veciñanza. Deste xeito, no territorio de Salceda cóntase neste momento con 17 desfibriladores en espazos de acceso público máis os que hai en diferentes establecementos privados (farmacia, ximnasio, etc)
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, quixo agradecer moi especialmente a Estela Simón a súa predisposición para ofrecer estas xornadas de formación de xeito altruísta para a veciñanza. Así mesmo, destacou a implicación das comunidades de montes, que non dubidaron en adherirse ao programa e adquirir os desfibriladores. En palabras da Alcaldesa “non hai mellor investimento que o que se fai en salvar vidas, e as diferentes directivas das comunidades de montes souberon entender esta prioridade e sumarse á iniciativa”.
O programa Estela que botou a andar neste mes de setembro obtivo unha exitosa acollida, onde durante catro sábados se desenvolveu un ciclo de xornadas formativas nos principais centros sociais das parroquias e onde máis dun centenar de persoas recibiron nocións básicas de primeiros auxilios así como a formación precisa para un correcto manexo de DESA, coñecementos esenciais para poder salvar unha vida.
Os desfibriladores adquiridos, son dispositivos de última xeración e empregan a tecnoloxía máis avanzada do mercado, como a precarga de enerxía para unha desfibrilación inmediata ou a identificación de ruído ambiental para aumentar o volume das instrucións de xeito automático. Estes equipos foron subministrados por “Bexencardio” o único fabricante español de desfibriladores, con sede en Ermua (Bizkaia) que conta ademais co único desfibrilador do mercado con instrucións de voz en lingua galega.