Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas vén de botar a andar “Aula Século XXI”, un novidoso proxecto que consiste no acompañamento psicolóxico a menores de entre 6 e 17 anos de idade. A profesional apoia, orienta e asesora á poboación infanto-xuvenil con diversas problemáticas psicosociais como as denominadas “adiccións dixitais”, e integra no proceso ás familias e outros axentes sociais, para garantir un enfoque participativo e asegurar a mellora en tódalas contornas.
Este programa de carácter gratuíto fora unha proposta electoral de Movemento Salceda, grupo que forma o equipo de goberno da localidade, e agora faise realidade.
O traballo en rede está sendo fundamental para o bo desenvolvemento do proxecto. Os servizos sociais comunitarios e o equipo directivo e de orientación do CEP Altamira e do IES Pedras Rubias traballan da man para a derivación da rapazada que máis poida precisar deste servizo.
Loli Castiñeira, Alcaldesa: ”A saúde mental é unha prioridade para este goberno. A nosa infancia e mocidade son o futuro de Salceda e precisamos estar á altura das súas necesidades”.
Cada menor conta cunha avaliación cognitiva, conductual, neuropsicolóxica e emocional co fin de establecer un posible diagnóstico e o seu posterior tratamento. A psicóloga que desenvolve a acción aposta polo tratamento baseado na Terapia Familiar Sistémica e a Terapia centrada en Solucións, que buscan atopar ferramentas, potenciar habilidades e buscar recursos do propio paciente, na procura do benestar psicoemocional. Unha acción que busca mellorar o cumprimento da LOPIVI (Ley Integral de Protección a la Infancia y la Adolescencia frente a la Violencia) aprobada en xuño do 2021 na que se establecen unha serie de medidas de protección, detección e intervención para evitar a violencia e exclusión na infancia e mocidade.
As familias teñen un peso fundamental nesta aula Século XXI xa que forman parte do proceso. Participan en diferentes sesións nas que reciben un asesoramento sobre os procesos vitais. Isto axúdalles a mellorar a comprensión das dificultades das súas crianzas para unha boa xestión e aproveitamento dos medios persoais e interpersoais.
Coa Aula Século XXI súmase un novo servizo municipal de atención á infancia aos xa presentes:
-Servizo de Logopedia e Pedagoxía que atende actualmente a 25 menores de entre 6 e 12 anos de idade.
-Servizo de Atención Temperá que atende actualmente a 90 familias.
Selene González, Concelleira de Benestar Social: “presentamos con orgullo este servizo pioneiro para a nosa rapazada. Faremos todo o que estea nas nosas mans para mellorar o seu desenvolvemento, buscando sempre o benestar dos menores”.